A Deputación mellora a drenaxe da EP-9703 Vilanova- Ponte Arnelas cun investimento de máis de 101.000 euros
A actuación optimiza o tránsito peonil e a recollida de augas pluviais na estrada
30/08/2022
A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar por un importe de 101.310 euros as obras de mellora da seguridade viaria e drenaxe da estrada provincial EP-9703 ao seu paso por Ponte Arnelas. A empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela executará os traballos cun prazo de execución de catro meses desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo sobre o terreo. Esta actuación suporá un cambio na fisonomía desta estrada no seu entronque coa rotonda situada a carón do paso sobre o río Umia.
O principal cambio virá co aproveitamento dos sobreanchos ao lado da calzada para a instalación de cunetas transitables de 1,50 metros de sección e que servirán tamén como zona de tránsito peonil, garantindo así a seguridade das persoas que camiñan pola beira da estrada. As cunetas transitables teñen unha pendente moi suave son aptas para camiñar e ofrecen unha solución técnica para a recollida de augas pluviais que mellora as prestacións das cunetas tradicionais, moito máis profundas. Neste treito de Ponte Arnelas é posible a súa instalación ao existir un sobreancho nas marxes da estrada, a carón das vivendas, dende o campo de fútbol de Ponte Arnelas en dirección a Tremoedo.
Os traballos abranguen o treito que vai entre os PQ 4+270 e PQ 4+950 dunha vía provincial que comunica Vilanova con Ponte Arnelas e responden a unha petición formulada polo Concello. O servizo provincial de Infraestruturas elaborou un proxecto que arrancará coa limpeza de gabias, realización de saneos, fresados e reposición de firme en dous puntos concretos onde se van instalar badéns redutores de velocidade e situados a ambos lados dunha parada de autobús.