A Deputación mellora a seguridade viaria en Ponteareas coa instalación de barreiras de protección na estrada de Areas, Alxén e Cabreira
A Deputación vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-4005 Areas-Alxén-Cabreira, ao paso polo termo municipal de Ponteareas.
30/08/2022
Os traballos, que contan cun orzamento de 87.420 euros, teñen por obxecto a colocación de barreiras de seguridade, de tipo bionda, nos tramos curvos que coinciden con terreos en pendente. A empresa adxudicataria é Señalizaciones Villar S.A. e o prazo de execución quedou fixado en tres meses dende que se asine a acta de comprobación de replanteo sobre o terreo.
O departamento provincial de Infraestruturas, no marco da súa revisión ordinaria de tódalas estradas provinciais co obxectivo de detectar riscos para a seguridade viaria, decidiu a conveniencia de protexer con barreiras lonxitudinais as marxes desta estrada e minimizar así as consecuencias de posibles accidentes por saída de vía.
As obras, ademais da protección das curvas, inclúen a retirada das barreiras antigas que existen nalgúns puntos do trazado, así como a reciclaxe de tódolos materiais empregados. Os novos elementos de protección, adaptados á normativa actual, proporcionarán un adecuado nivel de contención aos vehículos, minimizando danos e lesións para as persoas ocupantes e o resto de usuarios da estrada, así como outras persoas ou obxectos situados nas proximidades. Para elo instalarase preto dun quilómetro de barreiras, así como 206 "captafaros" para mellorar a visibilidade en horario nocturno.