A traxectoria da científica Ángeles Alvariño centra este mércores o novo faladoiro de “Aquí faltan páxinas” na sede da Deputación en Vigo

A charla será impartida pola filla da oceanógrafa e pioneira da investigación mariña, Ángeles Leira, a partir das 19:00 horas. Ese día tamén estarán dispoñibles un podcast e unha ruta

11/09/2023

A oceanógrafa e pioneira na investigación mariña Ángeles Alvariño protagoniza neste mes de setembro o programa da Deputación de Pontevedra “Aquí faltan páxinas”. Este ciclo de relatos sonoros e conferencias nace da colaboración da institución provincial coa firma O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias moi relacionadas coa provincia. Este mércores 13 de setembro a Sala Rosalía de Castro da Sede da Deputación en Vigo acollerá a partir das 19:00 horas un faladoiro sobre a traxectoria da científica que impartirá a súa filla, Ángeles Leira.

Ángeles Alvariño adoita ser recordada como a primeira muller investigadora que se embarcou nun buque oceanográfico, pero a súa traxectoria foi máis alá e está recoñecida como unha das maiores especialistas do mundo no seu campo e no seu tempo. Descubriu 22 novas especies mariñas e revelou como a presenza de distintas formas de zooplancto na auga podía servir de indicador do estado de saúde dos mares e caladoiros de pesca. Aínda que na España do pasado século as mulleres científicas eran case unha anomalía, a ferrolá logrou facerse un oco e destacar nese campo de coñecemento.

O faladoiro estará a cargo da súa filla, a arquitecta e urbanista Ángeles Leira. Ela foi a segunda muller en matricularse na Escola de Enxeñería de San Diego State College e, posteriormente, titulouse en Arquitectura en Berkeley. Desempeñou a súa traxectoria na cidade de San Diego, onde traballou na planificación de comunidades e chegou a ser vicepresidenta do Colexio de Urbanistas e supervisora dos planos reguladores das 27 comunidades de San Diego. Tamén exerceu como responsable do programa de conservación histórica da cidade e ocupou diversos cargos no seu Departamento de Urbanismo.  

Ademais da conferencia, a historia de Ángeles Alvariño estará tamén dispoñible a partir deste mércores no podcast de “Aquí faltan páxinas” (nas principais plataformas de emisión en directo e no sitio web da institución provincial) e nunha ruta virtual que inclúe os lugares da provincia claves na biografía da protagonista. Entre eles, o Instituto Oceanográfico de Vigo, no que traballou, así como o porto e a ría de Vigo ―en relación co seu traballo de inspección aos pescadores por se saltaban as vedas― ou os Astilleros Armon, onde en 2012 se botou o buque oceanográfico que leva o seu nome e foi amadriñado pola súa filla.

O proxecto “Aquí faltan páxinas” inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por cada mes de 2023, para poñer en valor os logros de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.