A Deputación de Pontevedra estará presente na Feira Culturgal con “+ cultura, + provincia”

A institución provincial conta cun posto no que amosará a súa actividade cultural, e no que se desenvolverán varias actividades nunha aposta pola cultura máis emerxente da provincia

29/11/2023

obra de Antía iglesias

A Deputación de Pontevedra participará desde este venres 1 de decembro ata o domingo 3 no Pazo da Cultura de Pontevedra na décimo sexta edición de Culturgal cun posto propio e baixo o lema “+ cultura, + provincia”. O presidente da Deputación, Luis López, participará este venres xunto á vicepresidenta primeira e deputada de Cultura e Deportes, Marta Fernández-Tapias, na inauguración desta Feira das Culturas Galegas, na que dará o tiro de saída a este espazo no que se amosará a ampla actividade cultural que a Deputación desenvolve e convidará o público a coñecer a provincia por medio da cultura. Ademais, nos tres días de feira o posto da Deputación acollerá actividades dirixidas ao público máis novo e ao público xeral, nas que se apostará pola cultura máis emerxente da provincia.

Desta maneira, o sábado 2 de decembro, de 12:00 a 13:30 horas, desenvolverase o obradoiro Crea Pontes con Taller Abierto, unha actividade infantil na que as e os nenos se inspirarán e recrearán a ponte da provincia que escollan en formato diorama coa guía e o consello das monitoras de Taller Abierto, ambas con formación en arquitectura. O resto da fin de semana porase á disposición das e dos cativos material para realizar unha actividade libre sobra as pontes da provincia.

Ademais, ao longo da fin de semana tamén haberá tempo para gozar de actuacións en vivo. Por unha banda, o grupo Lontreira actuará o sábado 2 de decembro ás 19:30 horas. Formado por Héctor Rodríguez (Moaña), Iván Barral (Meis) e Adri (A Illa de Arousa), este grupo xorde no verán de 2022 e non deixa de dar pasos de xigante na industria musical galega. Chegaron a ser finalistas na categoría de artista emerxente nos Premios Martín Códax da Música 2023 e foron seleccionados entre os cen mellores grupos polos eurofáns na elección interna de Eurovisión España, co que quedaron ás portas da final do Benidorm Fest 2024. No seu primeiro álbum intercalan poemas e cancións para ir narrando singraduras da vida a través das conexión cos espazos naturais que os rodean.

Outra das actuacións musicais terá lugar o domingo 3, ás 13:30 horas, con Leticia Rey, cantautora de Vila de Cruces que está a facerse oco no panorama musical galego actual como compositora e intérprete. Estará acompañada do pianista Iago Mouriño e amosarálle ao público a súa luminosa música con tinguiduras indie e folk que trata de encher de paz as persoas que a escoitan. Foi galardoada co Premio Mans da Fundación Paideia.

Novos Valores

Como vén ocorrendo nas últimas edicións, o Museo de Pontevedra tamén participará na Culturgal exhibindo no Espazo Arte as obras premiadas na última edición do certame Novos Valores. As autoras e o autor de cada unha das catro obras galardoadas recibiron unha bolsa de 7.500 euros da institución provincial para a ampliación de estudos.  Deste xeito, exhibiranse no Espazo Arte as seguintes obras:

1851-1888-190’, de Sandra Barreiro Parguina (Pontevedra, 1995)

É unha artista plástica que se dedica á disciplina do debuxo e ó deseño gráfico téxtil, cun grande interese no mundo do pano de seda. Conta cun grao en Belas Artes e co máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda, ambos pola Universidade de Vigo, onde cursa actualmente o programa de doutorado en Creación e Investigación de Arte Contemporánea. Traballa para a empresa de estampados téxtiles Mitwill en Mulhouse (Francia). Ao certame presentou a peza 1851-1888-1900, na que rescata o imaxinario visual e arquitectónico das grandes exposicións universais de Londres, Barcelona e París con ilustracións sobre panos de seda.

Estados intermedios-Estados residuales, de Antía Iglesias Fernández (Galicia, 1997)

É artista, deseñadora e investigadora. Conta cun grao en Belas Artes e un máster en Dirección de Arte en Publicidade, ambos pola Universidade de Vigo, onde actualmente desenvolve a súa tese doutoral.  A instalación Estados intermedios-Estados residuales coa que participou en Novos Valores sitúase entre a galería e o laboratorio. A través da transformación e exposición de especies vexetais invasoras, representa a multidimensionalidade do mundo vexetal.

Canto custa unha imaxe?, de Andrés Sanjurjo García (A Coruña, 1993)

É produtor, cineasta e investigador. Conta cun grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Burgos, un máster en Documental de Creación e outro en Estudos de Cine e Audiovisual Contemporáneos, ambos pola Universitat Pompeu Fabra. No videoensaio Canto custa unha imaxe?, utiliza imaxes da gravación de Alén mar catro anos antes na illa de Chiloé (Chile) para presentar unha análise crítica sobre un aspecto do audiovisual documental que normalmente permanece oculto: as negociacións e os pactos que se agochan detrás dos retratos de persoas.

Percorrer, atravesar, andar, de Lucía Perdiz Dávila (Muíños, Ourense, 1988)

É técnica en Caracterización e Maquillaxe Profesional pola Escola de Imaxe e Son de Vigo, técnica superior en Artes Aplicadas á Escultura pola Escola de Artes Superior Mestre Mateo, e conta cun grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cun máster en Educación pola mesma universidade. A súa obra Percorrer, atravesar, andar é unha peza escultórica que xorde do traballo da autora sobre os conceptos de mobilidade e territorio e que se materializa nunha acumulación de vultos atados fortemente que se erguen sobre un bidón metálico.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.