Luis López remarca o “municipalismo cultural” da Deputación para programar actividades en toda a provincia na inauguración de Culturgal

O presidente da Deputación de Pontevedra destacou o esforzo do Goberno provincial ao subir un 20 % a partida orzamentaria de Cultura, que chegará en 2024 a preto de 5 millóns de euros

01/12/2023

Culturgal 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou o “municipalismo cultural” que practica o Goberno provincial a través da programación de eventos itinerantes por toda a provincia relacionados con disciplinas coma o teatro, a danza, o cine ou a música durante a súa intervención este venres no acto inaugural da feira das culturas galegas, Culturgal, que tivo lugar no Recinto Feiral de Pontevedra. “A Deputación comparte ese ADN de levar o noso potencial cultural e artístico a todos os recunchos da provincia”, sinalou o dirixente do organismo supramunicipal, quen destacou tamén o labor desta feira para “poñer en valor e promocionar o noso talento cultural”.

Acompañado pola vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, o mandatario provincial reafirmou o compromiso do Goberno para potenciar a cultura a través do incremento da partida orzamentaria asignada a esta área para 2024, que medra un 20 % ata situarse nos 4,7 millóns de euros. “Máis cultura significa máis provincia. Ese é o compromiso desta Deputación, que ten neste sector un piar estratéxico da nosa acción de goberno”. Neste sentido, Luis López tamén recordou que o Museo de Pontevedra conta cun orzamento de 10,8 millóns de euros, o que sitúa os fondos destinados á cultura para o próximo ano nun total de 15 millóns de euros.

Ao rematar o seu discurso, López e Fernández-Tapias, acompañados polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e membros da organización da feira e do Concello de Pontevedra, percorreron os corredores do recinto para descubrir a oferta dunha feira que conta con máis de oitenta expositores. Entre eles está un da Deputación de Pontevedra no que, ao longo da fin de semana, se darán a coñecer os programas culturais que ten en marcha, así como exhibicións de danza e teatro ou obradoiros infantís.

O presidente López puxo en valor a misión de Culturgal para promocionar as e os profesionais que integran a industria cultural galega, un obxectivo compartido pola Deputación. “Xoga un papel fundamental para tender pontes co tecido cultural da provincia e de Galicia, para tender pontes entre artistas de disciplinas variadas e para tender pontes entre o sector cultural e o público”, defendeu o mandatario antes de informar do apoio económico de 30.000 euros que lle presta a Deputación á organización desta feira.

Finalmente, Luis López deulle os parabéns ás e aos organizadores de Culturgal pola programación de toda a fin de semana e tamén polo lema escollido para esta edición da feira, que é “Intelixencia natural”. “Non hai

intelixencia artificial, por sofisticada que sexa, que supere a intelixencia natural que exportamos desde as facultades do campus de Pontevedra, o campus CREA da Universidade de Vigo, en disciplinas coma o audiovisual, a moda, o deseño ou a publicidade; ou a intelixencia natural que demostran todas e todos os profesionais que fan que, desde a cultura, a nosa provincia vaia a máis”, rematou.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.