A Deputación organiza unha visita aos centros de compostaxe que xestiona no CIFP Carlos Oroza para un grupo de estudantes do curso de Mestre Compostador de “Composta en Red”
O grupo estaba integrado por 30 participantes que están a recibir formación de “Composta en Red”, a coordinadora de entidades locais de toda España que desenvolve experiencias de compostaxe doméstica e comunitaria
14/05/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha visita aos centros de compostaxe que xestiona no CIFP Carlos Oroza para os participantes no curso de Mestre Compostador de “Composta en Red”, a coordinadora de entidades locais de toda España que desenvolve experiencias de compostaxe doméstica e comunitaria. A visita ao CIFP Carlos Oroza, guiada por persoal técnico da institución provincial, foi completada cun percorrido polos centros de compostaxe situados en Pontevedra e Valga.
Con estas visitas a Deputación de Pontevedra pretende integrar a xestión de residuos coa educación, capacitando aos futuros profesionais para adoptar e promover prácticas sostibles nas súas contornas. No caso concreto da visita ao centro de compostaxe do CIFP Carlos Oroza do grupo de “Composta en Red” detallouse o modelo eficiente de economía circular que se leva a cabo no recinto. O centro educativo, que imparte formación en cociña e restauración, aporta os seus residuos orgánicos ao de compostaxe que, á súa vez, produce compost que posteriormente o CIFP Carlos Oroza emprega na súa propia horta, na que se cultivan os produtivos que emprega o centro educativo nas súas elaboracións gastronómicas.
O curso de Mestre Compostador combina teoría e práctica para capacitar ás persoas na xestión de proxectos de compostaxe descentralizados. A través desta formación, os alumnos aprenden a supervisar proxectos, resolver incidencias complexas e realizar tarefas clave de educación ambiental.