A Deputación avanza co Concello de Baiona na ampliación do alcance da recollida de biorresiduos

Trala posta en marcha dun proxecto piloto de compostaxe no Centro de Día de Baiona, a institución provincial e o Goberno local seguen a traballar para fomentar un cambio positivo na xestión de residuos

13/05/2024

Tras poñer en marcha un novo proxecto piloto de compostaxe no Centro de Día de Baiona, co obxectivo de promover prácticas sostibles e fomentar a participación comunitaria, a Deputación de Pontevedra a través do seu Servizo de Inspección, Vixilancia e control de residuos (SEVIC) avanza xunto co concello na ampliación do alcance da recollida de biorresiduos. Neste eido, a institución provincial e o Goberno local están a traballar cos produtores e coa cidadanía de Baiona para incorporalos nesta recollida e fomentar un cambio positivo na xestión de residuos.

En pouco máis dun mes desde a introdución do contedor marrón para biorresiduos comerciais en Baiona, recolléronse algo máis de 6.000 quilos de residuos orgánicos, o que representa aproximadamente a produción de 450 persoas. A participación e colaboración dos produtores locais foi clave para alcanzar este volume de residuos e amosa tanto a responsabilidade ambiental do tecido comercial de Baiona como a vontade de adoptar prácticas que beneficien ao conxunto da sociedade a ao medio ambiente.

Neste eido, o Concello de Baiona está a repartir composteiros gratuítos para a veciñanza da vila, para que poidan realizar un fertilizante natural con excelentes propiedades para o chan, polo seu aporte de nutrientes e a súa capacidade de preservalo de pragas e enfermidades. Ao reciclar a materia orgánica nas vivendas particulares, que supón o 37% da composición media unha bolsa de lixo tipo de Galicia, evítase o depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando así unha diminución da frecuencia da recollida e transporte de lixo por parte dos servizos municipais e, polo tanto, das emisións de CO2.