A Deputación continúa esta semana no Morrazo coas visitas do novo Servizo de Vixilancia, Inspección de Control da xestión de residuos
O persoal técnico do servizo de residuos mantivo a pasada semana unha reunión coa directora da Mancomunidade do Morrazo para analizar a situación actual e visitou as instalacións da planta de compostaxe
21/04/2024
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana nos concellos do Morrazo coas visitas do novo Servizo de Vixilancia, Inspección e Control da xestión de residuos (SEVIC), despois de pasar nas últimas semanas polos concellos de Baiona e Barro. Estas visitas teñen por obxectivo axudar os gobernos municipais no cumprimento da nova lexislación nesta materia e que sexan parte activa na xestión responsable dos biorresiduos, e contribuír así á preservación do medio e ao fomento de espazos más limpos e saudables para todas e todos.
Como paso previo ao comezo destas visitas, o persoal técnico de residuos da Deputación realizou xa unha visita á Mancomunidade do Morrazo e reuniuse coa súa directora, Araceli Gestido, e coa xerente, Alba Álvarez. Durante a xuntanza, as e os técnicos provinciais explicaron as actuacións que levará a cabo o SEVIC na comarca, coma a orientación aos establecementos comerciais sobre as mellores prácticas para separar e manexar adecuadamente os residuos, entregar materiais educativos ou avaliar o cumprimento da normativa aplicable, concretamente, na correcta separación dos residuos nas diferentes fraccións.
Actualmente xa son 16 os concellos da provincia adheridos a este servizo, despois de que nos últimos días se sumase O Porriño, que se lles une á Cañiza, A Guarda, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Cangas, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño. Ao abeiro do SEVIC, os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas e serán levadas a cabo por funcionarias e funcionarios habilitados pola Deputación, que terán a consideración de axentes da autoridade. Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalizaranse nunha acta e gozarán da presunción de certeza para efectos probatorios.