A Deputación amosa no Culturgal a súa aposta por unha cultura accesible e sostible “Cos pés na terra”

Presenta este sábado a programación cultural para 2023, unha performance de “Violencia Zero” ou pintura mural en directo ao fío do proxecto “Extramuros”

25/11/2022

​​​​​​​Culturagal 2022

A aposta por unha cultura accesible, participativa e sostible marca a presenza da Deputación na Feira Culturgal, que arrancou hoxe en Pontevedra. A institución provincial volve ter un stand propio no evento, desde o que acollerá diversas actividades ao longo das xornadas, entre elas a elaboración dun mural en directo, e amais ocupa outros espazos da feira para presentar a súa programación cultural para 2023 baixo o lema “Cos pés na terra”, o proxecto “Extramuros” ou unha nova acción artística do proxecto “Violencia Zero”. O stand da Deputación ten o aspecto dun enorme piano desde o que van tocar as teclas da cultura participativa e igualitaria desde as múltiples disciplinas: arte, a música en galego, a música clásica, a danza, o teatro, a escrita... E no que tamén se vai “sementar” cultura co especial e coidado material de merchandising que se repartirá, no que se inclúen lapiseiros “cultivables”. Amais das actividades propias, o espazo acollerá as micropresentacións dos programas culturais dos concellos da provincia.

A axenda da Deputación en Culturgal comezou co grupo artístico Cestola na Cachola, liderado por Xoana Almar xunto a Miguel Peralta, cunha pintura mural que se enmarca no proxecto artístico Extramuros, que se desenvolveu neste 2022 no Deza e do que Almar foi a coordinadora. O sábado, 26 de novembro, a presidenta Carmela Silva (11.30 horas) presentará o avance da programación cultural da Deputación no Espazo Libro da feira. Neste acto fará balance e dará a coñecer as liñas para o 2023, baixo o lema “Cultura cos pés na terra”, que busca asociar a provincia coa cultura accesible e transformadora e pola súa democratización en todo o territorio. Neste senso, anunciará as novidades de programas que xa referencian á institución, como son Música no Ar, Tornar as Táboas, Historias Cavadas, as Rutas de Arquitectura, os Roteiros Literarios, Musigal, Pontegal, o respaldo aos Rías Baixas Fest e os Rías Baixas Film Fest, o apoio ao audiovisual con Plató de Cinema, os premios Mulleres no Foco ou a Pontevedra Provincia Film Commission, entre outras iniciativas. O acto contará coa música de arpa de Alba Barreiro e de cello de Jimena Andión, así como coa intervención da poeta Silvia Penas.

As actividades trasladaranse despois nesa mesma xornada (13.30h) ao Espazo Arte, onde Carmela Silva amosará os contidos do proxecto “Extramuros”, que naceu neste 2022 cun espírito de continuidade e coa premisa de transformar e dinamizar o espazo rural a través da arte contemporánea. No acto estará a coordinadora, Xoana Almar, e haberá unha actuación de música de raíz a cargo do dúo instrumental feminino de violín e acordeón Caamaño e Ameixeiras. “Extramuros” celebrouse en Cortegada (Silleda) e mostrou a enorme capacidade da arte para transformar o espazo público e a vida no rural. Froito da iniciativa, os murais de Lula Goce, Virginia Bersabé, Basilisa Fiestras, Laura Iturralde, Tamara Alves, Ness Morais e Cestola na Cachola xa locen en fachadas, muros e vivendas desta parroquia do Deza nunha transformación que as artistas realizaron coa veciñanza.

No mesmo Espazo Arte, ás 20.30 horas, terá lugar a performance da creadora María Marticorena, no marco do programa “Mulleres en Acción Violencia Zero”, que protagonizará “Non” unha acción impactante que abordará a temática da violencia de xénero a través da figura da lavandeira, “como símbolo de forza e robustez, para desmitificar o dito popular ‘Os trapos sucios lávanse na casa’”. Por outra banda, o domingo día 27 de novembro, ás 12 e 18 horas, o stand da Deputación acollerá dúas quendas de micropresentacións dos concellos da provincia que desexen mostrar os seus proxectos e actividades culturais.

As obras seleccionadas de Novos Valores no Recinto Feiral

Desde hoxe e ata o domingo, o Museo de Pontevedra exhibe no recinto Feiral as obras seleccionadas nas dúas últimas edicións do certame Novos Valores, co que a Deputación outorga bolsas de 7.500 euros a catro artistas cada ano para a súa formación. Na mostra están presentes as obras gañadoras do certame en 2021: a pintura ‘Sen título (sobre paseos e arrepentimentos)’, de Rebeca López Villar (Vigo); a escultura ‘Reflexión’, de Adrián Solleiro González (Tui); a serie de cadros ‘Ras al Habout II’, de Diego del Río Comesaña (Ferrol); e a composición ‘Picasso y Richter (después de)’, de Daniel Cerecedo Bretal (A Pobra do Caramiñal).

As creacións gañadoras de Novos Valores 2022 que se poden ver no Culturgal son a obra en cerámica ‘Herdanza de mulleres’, de Eva Pena Fandiño (Pontevedra); a animación stop-motion ‘Sabor amargo’, de Borja Santomé Rodríguez (Nigrán); a instalación ‘Persoa Ola (Maternidade 2)’, de Teresa Búa Sambad (A Coruña); e o óleo ‘A ponte do Alén’, de Julia Gil Ordóñez (Rianxo).  

O certame Novos Valores, convocado anualmente pola Deputación, pretende impulsar os e as artistas entre 18 e 35 anos naturais ou residentes en Galicia en diferentes disciplinas artísticas (pintura, escultura, fotografía, cerámica, deseño, gravado, videocreación...). O certame recoñece obras orixinais e inéditas con catro bolsas, cada unha por un importe de 7.500 euros, que as persoas gañadoras deben empregar en ampliar os seus estudos artísticos.

Merchandising “Cultiva Cultura”

A liña de sustentabilidade de ‘’Cultura cos pés na terra’’ marcará tamén o material que a Deputación reparte na feira, con dous tipos de produtos feitos con materiais respectuosos co medio ambiente como cadernos de cartón, cun deseño coidado e co debuxo das teclas dun piano que volven recordar a premisa de poñer en valor á música clásica e democratizar o seu acceso. Tamén distribuiranse lapiseiros cultivables de xeito que tan só con cravar o lapis na terra enterrando o extremo, que contén sementes, en pouco tempo dará os primeiros brotes. Hai 3 cores de lapiseiros co lema ‘’Cultiva cultura’’: azul, gris e branco, e cada un corresponde a unha planta: alfábega, rúcula e manzanilla.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.