Esgotadas as prazas para participar nos roteiros literarios da Deputación e a AELG en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía

Nesta sexta edición dos Roteiros Literarios da Deputación e a AELG celébranse cinco actividades durante as fins de semana de xuño

16/05/2023

En só cuestión de horas tras abrir o prazo de inscrición, os Roteiros Literarios organizados pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nas cidades de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa  veñen de esgotar as 25 prazas dispoñibles. Trátanse dunhas actividades coa que ambas as dúas institucións dan a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores do país que exercen de guías baseándose en obras literarias –propias ou alleas– ambientadas en espazos da xeografía provincial.

O roteiro vigués, que terá lugar o vindeiro 3 de xuño, será guiado pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro

A ruta percorrerá o antigo concello de Lavadores e a súa capital O Calvario, para dar a coñecer as orixes da actual parroquia, anexionada á cidade en 1949. A autora contará a historia de Nélida, que foi vivir alí a finais dos sesenta cando de pequena emigrou coa súa familia do rural lugués na procura das oportunidades que Vigo ofrecía daquela. Trátase, polo tanto, dun subcontexto xeográfico e sociolóxico con vida propia, tanto na novela como na realidade. Durante o percorrido as persoas participantes coñecerán tamén a importante historia política desta zona de Vigo, que lle valeu o alcume da “Rusia chiquita”, e a súa fonda relación co rural e coa industria naval. A súa capital foi o barrio do Calvario, adxacente co de Casablanca, (antiga estación de ferrocarril), onde estaba o límite con Vigo, e que viviu unha intensa urbanización e transformación nas tres últimas décadas.

O roteiro vilagarcián, guiado polo autor e pintor Xurxo Alonso, terá lugar o vindeiro 11 de xuño

A praza de Galicia será o punto de partida do ‘Roteiro literario Vilagarcián’, que afondará nas historias de escritores vencellados á cidade como Ramón Martínez López, Fermín Bouza Brey, Luís Bouza Trillo ou Alfredo Brañas. Un dos escenarios do roteiro será o Colexio León XIII, onde exerceron de profesores Xosé Núñez Búa, Díaz Castro, Crecente Vega e Aquilino Iglesia Alvariño; e tamén o Instituto Laboral, onde Plácido Castro del Río foi profesor de inglés. O percorrido pasará pola Imprenta Celta, de cuxo prelo saíu o primeiro libro de poesía en galego despois da guerra civil, ‘Cómaros verdes’ de Aquilino Iglesia Alvariño. A ruta tamén parará na botica do escritor Lisardo Barreiro, onde traballaron Julio Camba, Lustres Rivas e Domingo Rial Seijo, e que organizaba faladoiros aos que asistiron nomes clave das nosas letras como Valle Inclán, Castelao, Cabanillas e Enrique Gómez Carrillo.

O roteiro pontevedrés, guiado por Adolfo Caamaño, terá lugar o vindeiro 18 de xuño

A ruta leva por título ‘O espazo urbano pontevedrés como materia literaria’, e desenvolverase por espazos emblemáticos do barrio do Burgo, da cidade medieval e do ensanche contemporáneo. En concreto, exploraranse as novelas ‘Cris Canalla: o instinto da liberdade’ (ambientada na época napoleónica) e ‘Soberano’ (que se desenvolve no eido urbano e rururbano pontevedrés de finais da ditadura e comezos da democracia). Tamén o relato ‘A cidade dual’, así como obras doutros escritores senlleiros que viviron ou que ambientaron obras en Pontevedra como Castelao, Torrente, Valle-Inclán, Camba, Antero de Figueiredo, Vázquez Pintor ou Freixanes. As persoas participantes recibirán material gráfico para facilitarlles o seguimento da ruta.

Caamaño percorrerá espazos emblemáticos, así como rostros e locais moitos deles xa desaparecidos da faciana urbana da cidade, onde se verá o estrangulamento que sufriu a urbe pola instalación da planta de celulosa na que sería a evolución natural e lóxica no seu plano urbano. Deste xeito, partindo de Pasarón, o percorrido transcorrerá pola ponte do Burgo, pola praza do Peirao (Ximnástica), o parador (Casa do Barón), a praza das Cinco Rúas (Cruceiro), as rúas Charino (Teatro Principal), Tetuán e Don Filiberto, o casino, a praza do Teucro, a rúa Real, a rúa Sarmiento, a praza de Méndez Núñez, a praza da Verdura, a rúa San Sebastián, a rúa dos Soportais, a praza da Ferrería, a praza da Peregrina, a rúa da Oliva e a praza de San Xosé. A volta será pola rúa da Oliva ata a rúa García Camba, a fonte das crianzas na rúa Peregrina ata a rúa Sagasta e a rúa Benito Corbal, para rematar na praza de Barcelos.

Nesta sexta edición dos Roteiros Literarios da Deputación e a AELG celébranse cinco actividades durante as fins de semana de xuño, cun total de 125 prazas (25 por cada un) e en horario de 11:30 a 13:00 horas. Ademais do roteiro de Pontevedra, celebraranse o sábado 3 de xuño en Vigo, guiado pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro; o 4 de xuño, ‘Aconteceu en Moaña’ da man da escritora Anna R. Figueiredo; o domingo 11 de xuño o ‘Roteiro Literario Vilagarcián’ co autor e pintor Xurxo Alonso; e finalmente o domingo 25 de xuño cun ‘Roteiro histórico-literario por Lalín’ guiado polo investigador Xoán Carlos García Porral.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.