Esgotadas as prazas dispoñibles para o roteiro literario da Deputación e a AELG en Lalín

O roteiro será guiado por Xoán Carlos García Porral e consistirá nun percorrido pola vila desde a igrexa de Lalín de Arriba ata o Castro Tecnolóxico

24/05/2023

A Deputación de Pontevedra ten xa esgotadas todas as prazas dispoñibles para participar na actual edición dos Roteiros Literarios, unha actividade organizada en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Vén de completarse xa as 25 prazas dispoñibles para participar no Roteiro de Lalín, a última quenda deste ano, que se celebrará o vindeiro 25 de xuño co título de ‘Roteiro histórico-literario por Lalín’ e será guiado polo investigador Xoán Carlos García Porral. Os Roteiros Literarios son unha actividade coa que ambas as dúas institucións dan a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores do país que exercen de guías baseándose en obras literarias –propias ou alleas– ambientadas en espazos da xeografía provincial.

A actividade de Lalín terá como punto de encontro a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba, e transcorrerá ao longo da súa hora e media de duración por outros lugares da vila como as estatuas de Ramón María Aller Ulloa e de Joaquín Loriga (ambas as dúas obra de Francisco Asorey), o Museo Municipal Aller Ulloa e o coñecido como o Castro Tecnolóxico, o moderno edificio que aglutina a Casa do Concello, servizos municipais e tamén o museo Castro Deza.

Nesta sexta edición dos Roteiros Literarios da Deputación e a AELG celébranse cinco actividades durante as fins de semana de xuño, cun total de 125 prazas (25 por cada un) e en horario de 11:30 a 13:00 horas. Ademais do roteiro de Lalín, celebraranse o sábado 3 en Vigo, guiado pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro; o domingo 4 de xuño ‘Aconteceu en Moaña’ da man de Anna R. Figueiredo; o domingo 11 o ‘Roteiro Literario Vilagarcián’ co autor e pintor Xurxo Alonso; e o 18 de xuño da man de Adolfo Caamaño en Pontevedra co roteiro ‘O espazo urbano pontevedrés como materia literaria’.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.