A Deputación inviste case medio millón de euros na transformación das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González en Cuntis

Grazas ao plan provincial ReaCPon renóvase o parque infantil, amplíanse os espazos de circulación e estancia peonil, dótase á zona de nova pavimentación e instálanse novos elementos de sinalización e de mobiliario urbano, entre outras actuacións

31/08/2022

ReacPon Cuntis  

O Concello de Cuntis continúa avanzando na súa aposta pola transformación da vila grazas as obras que se están levando a cabo nas rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González. As obras contan cun orzamento total de 578.418 euros, dos que a Deputación de Pontevedra aporta 496.933 euros a través do Plan ReaCPon, mentres que os 81.484 euros restantes corren a cargo do propio Concello. O deputado provincial Santos Héctor e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, desprazáronse á zona xunto con outros membros da corporación municipal para coñecer de primeira man o avance das obras que se están a desenvolver desde o pasado mes de xuño.

As obras, que prosperan ao ritmo agardado e cuxa previsión é que estean rematadas cara finais deste ano, buscan adaptar ambas rúas ás necesidades actuais da vila e dotalas dos servizos propios do século XXI, así como modernizar os equipamentos públicos e deportivos. Desta maneira, entre as principais actuacións está o incremento de espazos amables e de calidade, coa renovación do parque infantil con nova iluminación e pavimento de seguridade, e de aparatos biosaludables no espazo que rodea á pista de xogos. Ademais, ampliaranse os espazos de circulación e estancia peonil en detrimento dos destinados á circulación de vehículos, mellorando neste eido a accesibilidade aos equipamentos e infraestruturas da cidade. Para contribuír a esta mobilidade amable, tamén se aposta por reducir a circulación rodada en todo o ámbito, pasando dos 30 quilómetros por hora aos 20.

Á inversión provincial tamén servirá para dotar de nova pavimentación a toda a zona e dunha nova rede de augas fecais, pluviais e auga potable. Desta maneira, renovaranse os servizos urbanos para mellorar a sostibilidade do uso da auga, evitando o seu desperdicio e controlando a evacuación dos vertidos urbanos. O proxecto que financia a Deputación a través do Plan ReacPon contempla ademais a instalación de novos elementos de sinalización con marcas viarias reflexivas brancas e sinais para pasos de peóns luminosos, así como dunha nova rede de alumeado, máis eficiente, reforzando ademais a iluminación en puntos como os pasos peonís e o parque. As obras rematarán coa instalación de novos elementos de mobiliario urbano, papeleiras, bancos e incluso un banco-cargador de teléfonos móbiles alimentado con enerxía solar.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.