Finaliza a transformación histórica do barrio do Espadenal en Cuntis financiada ao abeiro do ReacPon

O deputado Gregorio Agís visitou xunto ao alcalde Manuel Campos as obras realizadas nas rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González, nas que se investiron preto de 580.000€ entotal

28/03/2023

Visita Cuntis ReacPon

A transformación do barrio do Espadenal en Cuntis xa é unha realidade, trala finalización das obras de reordenación das rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González, financiadas ao abeiro do plan ReacPon. O deputado Gregorio Agís visitou hoxe xunto a alcalde, Manuel Campos, esta contorna na que se investiron preto de 580.000 euros, dos que 496.933€ foron financiados co plan provincial e que vén adecuar estas céntricas e moi concorridas rúas (na súa contorna sitúanse o centro de saúde e o auditorio municipal) para adaptalas aos servizos do século XXI.

Os traballos realizados neste ámbito, permitiron mudar a fisionomía deste céntrico barrio, que pasou de ter unhas rúas envellecidas a unhas modernas, dotadas dunha plataforma única para garantir a seguridade peonil nunha zona onde se concentra moita xente por mor das dotacións que se atopan nela. Un antes e un despois no que as persoas pasan a ser protagonistas, ao incrementarse nun 50% os espazos amables e de calidade para a veciñanza, en sintonía cos valores da Axenda 2030 e do modelo que a Deputación vén implantando desde 2015 na súa rede viaria e nos espazos públicos.

A actuación incluíu a renovación da pavimentación, do parque infantil, con nova iluminación e pavimento de seguridade, mailos aparatos biosaudables no espazos que rodea a pista de xogos. Ademais, ampliáronse os espazos de circulación e estancia peonil, cunha mellora da accesibilidade aos equipamentos e infraestruturas da vila.

Nas rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González tamén se melloraron os servizos urbanos coa renovación das as redes de augas fecais, pluviais e de auga potable. Instaláronse amais novos elementos de sinalización, como marcas viarias reflexivas brancas e sinais luminosos para os pasos peonís, unha nova rede de alumeado máis eficiente e novos elementos de mobiliario urbano como papeleiras, bancos e mesmo un banco con carga de teléfonos móbiles alimentado con enerxía solar. Deste xeito, soluciónanse os problemas na rede de auga potable (de rotura ou cortes no subministro) e na rede de augas fecais e pluviais (que non contan coa condución nin a evacuación axeitadas).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.