A Deputación investirá case 8 millóns de euros na restauración integral e a conexión soterrada dos edificios orixinais do Museo de Pontevedra
Carmela Silva: “É un enorme esforzo para a Deputación para financiar un proxecto novidoso, integrador e con solucións que van ser un modelo no Estado”
12/08/2022
Só dous días despois de cumprir 93 anos dende a súa apertura, o Museo de Pontevedra afronta un novo fito histórico co proxecto de restauración e de conexión subterránea dos seus dous edificios orixinais: o Castro Monteagudo e o García Flórez impulsado pola Deputación. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, destacaron hoxe esta ambiciosa actuación, presupostada en 7.937.947 euros e que permitirá recuperar ambos inmobles para uso museístico con plenas garantías técnicas, de accesibilidade e de eficiencia enerxética. Á presentación do proxecto asistiron o director da entidade, José Manuel Rey e a equipa redactora.
Hoxe mesmo se remitirá o proxecto ao Concello de Pontevedra para a concesión da licencia de obra e tamén á Dirección Xeral de Patrimonio para a emisión do informe preceptivo. Amais, ten pendente tamén a autorización de Costas, e tanto a presidenta como o vicepresidente confían en que os traballos poidan licitarse en cuestión de meses. A Deputación, que xa ten incluída a obra nos seus Orzamentos, solicita ao Goberno do Estado unha achega dos fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia para Edificios Públicos (PIREP) de 3 millóns de euros.
"É un día moi importante para o Museo de Pontevedra, para a cidade, para a provincia, para Galicia e para o conxunto do Estado -subliñou Carmela Silva- porque este é un museo de referencia. Trátase dun proxecto elaborado con moito rigor e traballo, liderado polo vicepresidente xunto a toda a equipa do Museo, cun esforzo extraordinario e témonos que felicitar porque é un proxecto novidoso, integrador, con solucións que van ser un modelo. Hoxe estará contentísima toda a cidadanía, e desde logo todos os grupos desta Corporación provincial estarán aplaudindo porque é unha extraordinaria nova".
A presidenta incidiu en que se trata dun investimento "moi relevante para unha administración que este ano xestiona 174 millóns e polo tanto, supón un enorme esforzo pero o Museo merece recuperar eses edificios". Neste senso, confía en que as restantes administracións implicadas aceleren a tramitación "porque tremos os recursos, hai un traballo moi ben feito, e queremos licitalo canto antes para que a rehabilitación sexa unha realidade da que poidamos desfrutar todas e todos".
O vicepresidente, César Mosquera, incidiu na "enorme dificultade" técnica que supuxo a elaboración deste proxecto, no que finalmente se optou pola conexión soterrada entre os edificios como solución conceptual para abordar o reto de garantir a accesibilidade. A este respecto revelou que xa existe un túnel "pequeno, húmido e lúgubre" e agora realizarase unha conexión funcional e moderna. A partir desa idea, dixo, foi xerminando o proxecto que cualificou como "un auténtico crebacabezas ao que houbo que dar mil voltas para axustalo á normativa" . A conexión soterrada situarase entre o soto do xardín do García Flórez e a torre do Castro Monteagudo, e amais instalarase un ascensor en cada edificio para facilitar a comunicación. "Nestes momentos a Deputación ten un proxecto que entrañou unha enorme dificultade, ten os cartos no orzamento, ten solicitados cartos para complementalo e agardo que en meses se poida licitar". Recalcou que a Deputación optou por un orzamento "polo alto" para garantir a viabilidade da licitación e limitar os riscos de que quede deserta, dado o escenario actual de alza de prezos.
César Mosquera detallou que a restauración dos edificios permitirá sumar unha superficie de 256 metros cadrados, alcanzando así un total de 2.495 metros cadrados de superficie construída entre ambos inmobles . Afirmou que se trata dunha intervención respectuosa que no exterior non variará a fisionomía do Castro Monteagudo e do García Flórez, dado que o proxecto só prevé a renovación da carpintería e cerrallería, mentres que o groso da actuación permitirá no interior "acabar co labirinto de divisións que tiñan" acadando espazos diáfanos e libres de obstáculos. "Límpase todo, eliminando o labirinto de tabiques actual, e quedan as paredes mestras, as orixinarias -engadiu-, todo unificado nunha 'pel grosa' para colocar logo as coleccións". As distintas plantas dos inmobles disporanse, deste xeito, como unha plataforma única e na que os solados serán de pedra na planta baixa e de madeira nas superiores. Amais, as estancias contarán cunha iluminación sobre carril para flexibilizar o uso". O vicepresidente destacou así mesmo os criterios de eficiencia enerxética aplicados ao proxecto, que permitirán aforrar en torno ao 80% gracias ao aproveitamento da enerxía xeotérmica como complemento dunha bomba de calor.