O Museo de Pontevedra alcanza a excelencia en Calidade Turística
A entidade consegue a marca “Q” que só teñen, entre os grandes museos nacionais, o Guggenheim de Bilbao, o Thyssen-Bornemisza en Madrid e o MARQ de Alacante
16/08/2022
O Museo de Pontevedra vén de referendar a súa aposta pola excelencia co recoñecemento da esixente marca "Q" de calidade turística, que promoven o ICTE (Instituto para a Calidade Turística Española) e a Asociación Española de Normalización UNE. Un selo do que só dispoñen, entre os grandes museos españois, o Guggenheim de Bilbao, o Museo Thyssen-Bornemisza, en Madrid, e o MARQ de Alacante. En Galicia só dous centros museísticos inscritos no Censo de Museos e Coleccións Museográficas de España (unha listaxe que abrangue a 1.510 entidades en toda España) teñen logrado a Q e ámbalas dúas están adscritas á Deputación: o Castelo de Soutomaior e, agora, o Museo de Pontevedra.
O Comité de Certificación do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) confirmou trala reunión celebrada o 28 de xullo a certificación para o Museo a resultas do proceso de avaliación, no que a institución pontevedresa obtivo unha cualificación sobresaínte. Este distintivo certifica o cumprimento dos estándares de calidade entre os museos e os e as súas visitantes, que se recollen na Norma UNE 302002.2018: "Museos. Requisitos para la prestación del servicio de visitas".
Puntuación sobresaínte
Para a obtención da Q de calidade turística, a entidade pontevedresa tivo que superar unha auditoría no mes de xullo, na que obtivo unha puntuación media de 9,4 sobre 10 e que avala o cumprimento rigoroso da xestión da calidade na prestación de diferentes servizos á cidadanía, incluíndo aspectos tan importantes como a accesibilidade, a atención ao visitante, a sinaléctica, a comunicación e información ás persoas usuarias ou a xestión de visitas e actividades educativas e culturais. Neste último apartado obtivo unha puntuación de 10.
A obtención do distintivo forma parte das accións contempladas no Plan Xeral de Actuación 2019-2023 do Museo, e reforza a súa aposta decidida pola calidade e a excelencia en tódolos ámbitos da súa xestión operativa diaria, por ofrecer a cada visita a mellor experiencia cultural e turística posible, e por converterse nun referente a nivel nacional e internacional no ámbito do turismo cultural.
Tras lograr este esixente distintivo, o próximo reto que se marca o Museo de Pontevedra é acadar a certificación en sustentabilidade turística, que tamén promove o citado Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).