A Deputación eríxese como un referente na implantación dos ODS coa celebración do Consello de Goberno da Rede da Axenda 2030

Carmela Silva: “O desenvolvemento da Axenda 2030 é fundamental, é a folla de ruta para cambiar un mundo complexo, e para cumprila debe impulsala o mundo local como xa está a facelo”

20/09/2022

Rede Axenda 2030  

Dirixentes de concellos e deputacións de toda España déronse cita no Castelo de Soutomaior para celebrar a reunión do Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A elección da provincia de Pontevedra como anfitrioa deste encontro supón un recoñecemento ao traballo que se está a levar a cabo dende a Deputación no cumprimento do plan de acción da ONU e na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). De feito, a Administración provincial é referente no Estado neste ámbito grazas á estratexia realizada para conseguir estes obxectivos, tanto na acción da administración como na colaboración con todos os concellos, particularmente os rurais e de menos de 20.000 habitantes, unha estratexia que supón a transversalidade dos ODS a toda a súa acción.

A Rede pola Axenda 2030 conta na actualidade con preto de 450 entidades locais adheridas que buscan favorecer a coordinación entre os gobernos locais para alcanzar mellores resultados na implementación da Axenda 2030 e o desenvolvementos dos ODS no ámbito local. Carmela Silva recalcou durante a presentación a importancia do "desenvolvemento da Axenda 2030", xa que é fundamental, e recalcou que se trata dunha "folla de ruta para cambiar un mundo moi complexo, que non se vai poder cumprir se non a impulsa o mundo local como xa está a facelo". Pola súa parte, José Hila Vargas, presidente do Consello de Goberno da Rede e alcalde de Palma, asinou no Libro de Honra da Deputación e asegurou que a Deputación de Pontevedra é "un exemplo a seguir na implementación dos ODS. Concellos e deputacións podemos aprender moito do que está a facer".

DEPO2030

No marco da reunión anunciouse que a convocatoria de subvencións destinadas a accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais recibiu máis de 800 proxectos de todo o Estado. Un deles é DEPO2030, presentado pola Deputación de Pontevedra na liña de sensibilización e concienciación. Trátase dunha exposición itinerante explicativa dos ODS xunto coa que se contempla unha serie de accións complementarias, como unha reforestación, unha acción creativa con residuos ou unha recollida de residuos en contornas fluviais ou costeiras, ademais da convocatoria duns premios ao compromiso cos ODS. Outro dos obxectivos que se persegue con estes talleres é crear a consciencia entre a poboación de que tamén todas as persoas son responsables a nivel individual coa súa acción diaria do cumprimento da Axenda 2030. O proxecto conta cun orzamento aproximado de 400.000 euros.

O equipo de goberno da Rede pola Axenda 2030 na súa reunión no Castelo de Soutomaior aprobou a creación de novos Grupos de Traballo ODS Axenda 2030 tras un proceso aberto o pasado mes de xuño no que a Deputación de Pontevedra, xunto con outros 64 representantes políticos e técnicos de entidades locais. Destacan, entre eles, os grupos "Toolkit de ferramentas de coñecemento", "Asesoramento técnico personalizado", "Programa de boas prácticas" ou "Programa formación de formadores", nos que a Deputación colabora de maneira activa, así como "Guía de aliñamento orzamentario" e "Set de indicadores ODS para as EELL". Por outra banda, anunciouse a III Asemblea e a Xornada sobre o Liderado local para o impulso da Axenda 2030, que terá lugar en novembro en Barcelona.

O Consello de Goberno da Rede da Axenda 2030 da FEMP celébrase como antesala á xornada "ODS e Deporte", organizada pola entidade e pola Deputación de Pontevedra e que terá lugar mañá no Auditorio Mar de Vigo, coa participación do Secretario de Estado para o Deporte e presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco. Durante estes dous días, ademais, as e os membros da FEMP terán a posibilidade de descubrir algunhas das marabillas da provincia de Pontevedra, con visitas ás Illas Cies ou á Villa Romana de Toralla, entre outras.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.