A Deputación reivindica en Barcelona a importancia de traballar desde o mundo local para a implantación dos ODS e da Axenda 2030

A Administración provincial participa nas Xornadas sobre Liderado Municipal coa Axenda 2030 da FEMP e destaca o traballo realizado “aliñando os orzamentos e facendo políticas para chegar ao global desde o local”

15/11/2022

AXENDA 2030 BARCELONA

A Deputación de Pontevedra participa estes días nas Xornadas sobre Liderado Municipal coa Axenda 2030, que se celebra no marco da III Asemblea da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e que congrega no Paraninfo da Escola Industrial, en Barcelona, a máis dunha trintena de poñentes e de 200 responsables locais de todo o país para participar en diferentes mesas redondas e paneis de experiencias nas que se falou da necesidade de priorizar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nas políticas locais. En concreto, na segunda xornada, a deputada provincial de Proxectos Europeos, Iria Lamas, tomou parte na mesa “Diálogo centrado nos retos globais que nos quedan por diante para avanzar no cumprimento da Axenda 2030”, moderada pola alcaldesa de Canyelles (Barcelona), Rosa Huguet e xunto coa presidenta da Rede Española de Desenvolvemento Sostible (REDS), Leire Pajín; a vicepresidenta cuarta e deputada de Políticas de Participación, Axenda 2030 e ODS da Deputación de Barcelona e alcaldesa de Santa Coloma de Gramenet (Barcelona), Núria Parlón, e o alcalde de Táliga (Badaxoz), David Fernández.

A deputada provincial destacou na súa intervención a referencia na que se ha convertido a Deputación de Pontevedra no cumprimento da Axenda 2030 e subliñou que “a pesar de ter unha pandemia polo medio”, desde a Deputación “seguimos traballando, aliñando os nosos orzamentos e facendo políticas para poder chegar ao global desde o local”, algo que xa se facía incluso antes da aprobación da Axenda 2030. “Fixemos un estudo en 2017 para ver o estado de implantación dos ODS da Axenda 2030 na provincia, e malia que só levaba dous anos en vigor, superamos o 90% de aliñación”, unha proba de que “cremos nesas políticas, e cremos que teñen que facerse desde a Administración local, axudando aos concellos pequenos para que eles tamén formen parte, conseguindo así agora o aliñamento total dos nosos orzamentos e as nosas políticas cunha acción de todos e como alianza global”.

En canto ao futuro, é importante lembrar que nos sete anos que quedan ata 2030, “hai que facer fincapé nalgúns ODS concretos: o fin da pobreza e o seu impacto na educación, o traballo ou a sanidade e na igualdade porque se o ODS 5 non se cumpre non se cumprirá a Axenda. É algo vital para o que está a traballar a Deputación de Pontevedra, que temos que defender e visibilizar, porque es transversal a todos os obxectivos e está nas nosas mans”. Pero, para iso, a deputada provincial destacou a importancia de contar con “instrumentos, medios e recursos, e iso non o podemos facer de maneira individual”. Neste sentido, son tres os retos principais que quedan por diante na implantación da Axenda 2030: o social, “pois non é xusto que teña máis oportunidades quen vive na cidade que no rural”, a emerxencia climática, “non podemos ter plan B porque non temos planeta B”, e a darlle “liderado á Axenda 2030 e a dimensión internacional que precisa”. Todo sen esquecer que “é un instrumento para poder chegar á política global desde o local”.

No marco do encontro, a Deputación de Pontevedra tamén estivo presente no Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, que aprobou a entrada de novos membros á mesma, o que eleva a 492 as entidades adheridas, un incremento do 20%, o que a leva a ser a Rede máis numerosa da FEMP. Mañá, 16 de novembro, a III Asemblea da Rede pechará este encontro.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.