A Deputación cederá Os Pendellos ao Concello De Agolada para facilitar o seu aproveitamento turístico e socioeconómico

O deputado Carlos Font anunciou ao alcalde, Luis Calvo, que o Pleno do próximo día 30 dará luz verde ao convenio para o traspaso das 47 estruturas de titularidade provincial

19/09/2022

Os Pendellos de Agolada

“Agolada está de en hora boa, a comarca do Deza está de en hora boa e a provincia de Pontevedra está de en hora boa”, con estas palabras celebrou o deputado Carlos Font a cesión ao Concello agoladés dos 47 pendellos propiedade da Deputación á institución municipal. O acordo, fraguado hoxe cunha aperta de mans no interior do singular recinto histórico-artístico, será referendado administrativamente coa aprobación do convenio no Pleno provincial do próximo día 30. O anuncio realizouse durante a visita que o deputado e o alcalde, Luís Calvo, realizaron ao conxunto.

A Deputación volve, deste xeito, a demostrar a súa vontade de colaboración institucional con tódolos concellos da provincia, subliñou Font, quen recalcou que a partir de agora este enclave reforzará a súa posición como punto de atracción turística, pero tamén de actividade socioeconómica de toda a comarca. “Paga moito a pena visitar este mercado medieval único, declarado BIC, e este paso que damos, é sen dúbida, un gran paso adiante para poñelo en valor”.

Un conxunto valorado en máis de 1,6 millóns de euros

A Deputación cederá gratuitamente o conxunto histórico-artístico, valorado en 1.663.265 euros, resultantes da suma dos importes das tres operacións de compra, por un total de 133.445 euros, e das sucesivas obras de rehabilitación realizadas dende entón ata a actualidade, que supuxeron outros 1.529.820 euros. Entre as estruturas que se ceden está a capela das Virtudes, o museo (dous andares), os aseos e decenas de pendellos e expositores de diversas características repartidos entre a Canella Maior e a rúa Parranda.

O convenio que asinarán a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Luis Calvo, xa foi aprobado polo Concello  o pasado mes de agosto, de acordo coa petición formulada en marzo. O Concello presentou unha memoria xustificativa na que anuncia a súa intención de potenciar o recinto patrimonial coa celebración de feiras, mostras, exposicións, eventos gastronómicos, concertos, actos culturais, obradoiros, mercadiños solidarios e mesmo vodas civís na capela. Considera que, diante da ampla programación pública que se pretende sacar adiante a titularidade municipal resulta necesaria para mellorar a xestión e optimizar os trámites. Deste xeito Agolada asumirá tamén as obrigas de preservalos e dedicalos aos fins propostos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.