A Deputación de Pontevedra aproba máis de 3,5 millóns de euros en recursos para a provincia

O Goberno dá luz verde a máis dun millón de euros do Plan Concellos, actuacións en infraestruturas por outros dos millóns e a rehabilitación enerxética da escola unitaria de Vilasobroso por 360.000 euros

20/05/2022

Xunta de Goberno  

A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde a máis de 3,5 millóns de euros (3.581.655) que chegarán a doce municipios da provincia así como á entidade local menor de Vilasobroso. Con estes recursos realizaranse actuacións ao abeiro do Plan Concellos nos municipios de Agolada, Marín, Bueu, Cangas, Fornelos de Montes, Mos e Salvaterra de Miño, melloraranse infraestruturas en Vilanova, O Grove, Meaño, Portas e Arbo. Ademais, tamén se rehabilitará enerxéticamente a Escola Unitaria da entidade local de Vilasobroso.

No marco do Plan Concellos foron aprobados 1.180.095 euros para realizar actuacións en camiños municipais, na rede de saneamento ou no alumeado público. Os fondos chegarán á comarca do Deza e Terra de Montes con 70.000 euros que servirán a Agolada para mellorar camiños de titularidade municipal con firme de formigón nas aldeas de Val, Cima de Vila e Agra á vez que se mellora a seguridade viaria. Para a comarca do Morrazo foron aprobados 185.500 euros para que Marín financie sistemas de sustentación no camiño de Cividades; 78.640 euros cos que Bueu ampliará o servizo de alumeado público mediante 47 novos puntos de luz con tecnoloxía LED; e 155.505 euros cos que Cangas dará saneamento a vivendas situadas no barrio de Romarigo.

Os recursos do plan provincial tamén chegarán á comarca de Vigo. Para Mos foron aprobados 407.000 euros que servirán para executar a senda do Foxo Vello, na parroquia de Pereiras, que discorrerá dende a Igrexa ata a senda de Atín. Con esta senda mellorarase a circulación peonil tanto da poboación xeral como da rapazada e persoas adultas que acoden a diario ao CEIP de Antín. Tamén se deu luz verde a 71.000 euros que servirán a Fornelos para o acondicionamento do camiño das Vacas Mortas en Rial, no camiño das Flores en Arrotea e o camiño do Casal en O Casal. Para a comarca do Condado foron aprobados 212.450 euros para Salvaterra de Miño cos que se mellorarán oito camiños de titularidade municipal que suman 3.150 metros.

O Goberno tamén aprobou 2.039.965 euros en materia de infraestruturas que, en palabras de Carmela Silva, "van a permitir que as infraestruturas da provincia sexan do século XXI ao priorizar ás persoas por riba dos vehículos dándolle así unha visión diferente aos espazos e facéndoos transitables e atractivos xa que -lembrou- o Camiño de Santiago pasa por moitas destas vías". Máis polo miúdo, adxudicouse a mellora da seguridade viaria na EP-8101 Portas - Romai por 555.725 euros que serán financiados integramente pola institución provincial. Nesta liña, deuse luz verde a dous convenios de colaboración: un co concello de Vilanova para a mellora da mobilidade peonil na EP-9702 As Sinas - Vilanova por valor de 273.000 euros, dos que a Deputación aporta o 218.400 € (80%), e o outro co concello do Grove para a mellora da seguridade viaria na EP-9101 O Grove - Igrexa de San Vicente por 551.780 euros, dos que a institución provincial financia 441.424 € (80%). Tamén se aprobou o expediente de contratación para a mellora da mobilidade peonil na EP-9302 en Broullón e Cobas, en Meaño, por 375.460 euros financiados nun 70% pola Deputación (262.828 €). O mesmo se fixo ca mellora da seguridade viaria na EP-5206 que dá Acceso a Luneda e que comeza no concello de Arbo e remata no da Cañiza e cuxo orzamento é de 284.000 euros que son asumidos totalmente pola institución provincial.

Os recursos tamén chegarán á entidade local de Vilasobroso mediante a adxudicación da rehabilitación enerxética da envolvente térmica escola unitaria. Este proxecto ten un orzamento de 361.595 euros e está financiado nun 80% polo IDAE (289.276 euros) e nun 20% pola Deputación e o Concello de Mondariz. A presidenta provincial lembrou que estes fondos están destinados "á prestación de servizos vinculados á cultura" o que supón "unha boa noticia para zonas do rural que precisan ter equipamentos que permitan que haxa servizos que poidan desfrutar as veciñas e veciños, vivan onde vivan".

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.