A Deputación e o concello de Agolada pechan a cesion dos 47 pendellos: “isto é máis que un agasallo de Reis”

Carmela Silva: “A Deputación devólvelle ao Concello de Agolada a xestión local dunha marabilla única en Europa coma son os pendellos”

Luís Calvo: “Comprometémonos a coidalos e a respectar o herdado dos nosos antepasados”

05/01/2023

Cesión dos pendellos de Agolada

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou hoxe co alcalde de Agolada, Luís Calvo, o convenio de transmisión da titularidade dos 47 pendellos situados no antigo recinto feiral da vila. Estas construcións do século XVIII, valoradas en máis de 1,6 millóns de euros, cedéronse gratuitamente desde a Administración provincial. O acordo lévase a cabo para reforzar este enclave e o seu aproveitamento turístico e socioeconómico, apostando así pola posta en valor do noso patrimonio, preservando a súa orixe, a súa conservación e a súa utilización como fonte de actividade no rural e na comarca.

No interior dun dos históricos pendellos, Carmela Silva amosouse moi feliz de que “a Deputación lle devolva ao Concello de Agolada, á xestión local, unha marabilla única coma os pendellos” como se de “un agasallo dos Reis Magos” se tratase. A presidenta quixo poñer en valor as e os nosos antepasados, que xa tiñan “espazos únicos, moi ben pensados, non só para o comercio e traspaso de produtos propios da terra”, senón que tamén había “pendellos para hospedaxe, pendellos comedor, pendellos expositivos ou pendellos para gardar o gando”. “Ten toda a lóxica que os pendellos sexan Ben de Interese Cultural (BIC)”, asegurou Carmela Silva, ao tempo que incidiu en que “a firma deste convenio, o feito de que podamos ceder este pendellos ao Concello de Agolada, vai permitir que teñan moita máis vida”.

O alcalde de Agolada, Luis Calvo, subliñou o bo entendemento entre o concello e a Deputación. “Estámoslle moi agradecidos por estar sempre aí e polas facilidades á hora da cesión dos pendellos”. Luís Calvo cualificou o acordo coma “moito máis ca un agasallo de Reis ao Concello de Agolada” dun patrimonio “único en España e en Europa”, e destacou a importancia de coidar e preservar os bens culturais que atesoura a nosa provincia: “Comprometémonos a coidar dos pendellos e a respectar o herdado dos nosos antepasados”.

Este convenio xorde tras un proceso que comezou o 23 de marzo de 2022, cando a Deputación de Pontevedra recibiu unha solicitude do Concello de Agolada pedindo a cesión dos 47 pendellos que a Administración provincial tiña en propiedade. Agolada aprobou a transmisión no seu Pleno municipal o 23 de agosto de 2022, e Deputación fixo o mesmo o día 30 de setembro. Iniciativas coma estas permiten poder poñelos en valor, manter o noso patrimonio e poder enchelo de actividades.

Os pendellos son construcións que datan do século XVIII e que constituían un punto de encontro comercial no que a xente de diversos puntos da xeografía galega se achegaban a mercar. Dende hoxe, o Concello de Agolada asume as obrigas de preservación e incorporación ao patrimonio municipal. Prevese que este conxunto de pendellos se destine a fins de utilidade pública co obxectivo de mellorar o desenvolvemento cultural el turístico do municipio.

Galerias de imaxes

videos