A Deputación adxudica o proxecto de mellora integral da estrada provincial A Xesteira-Almofrei

A institución provincial levará a cabo os traballos de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-0405 no concello de Cerdedo-Cotobade cun investimento de 947.000 euros

30/01/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar as obras de mellora integral no tramo inicial de 1,5 quilómetros na EP-0405, entre A Xesteira e Almofrei, no concello de Cerdedo-Cotobade, por 947.000 euros. A actuación conta cunha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) de 694.000 euros, polo que máis do 70 % desta se financiará con recursos de Europa. O importe restante asúmeno a institución provincial e o Concello de Cerdedo-Cotobade.

Como informou o presidente provincial, Luis López, nunha rolda de prensa, os traballos teñen por obxecto crear vías seguras para o tránsito peonil, concretamente unha nova senda peonil na marxe esquerda da vía, de 2,5 metros de ancho, e zonas de convivencia onde terán prioridade as e os peóns naqueles tramos nos que non se pode executar a senda peonil. Esta terá unha lonxitude dun quilómetro, e nese trazado limitarase a velocidade a 30 km/h e incorporaranse tres redutores de velocidade. Nas zonas de convivencia, de preto de 300 metros de lonxitude, a velocidade máxima será de 20 km/h.

Ademais, desde a conexión coa estrada autonómica PO-233, o proxecto de transformación tamén inclúe a mellora do trazado, coa aplicación dunha nova capa de rodaxe e o emprego de novos paquetes de firme para ampliar a plataforma nas zonas de convivencia. Como actuacións complementarias, a Deputación de Pontevedra acometerá a mellora da drenaxe e a canalización para soterrar a rede de iluminación nas zonas de convivencia.

Logos