A Deputación avanza no proxecto de mellora integral da estrada provincial A Xesteira- Almofrei

A institución provincial analizará na Xunta de Goberno do próximo martes a adxudicación do contrato para esta actuación que, cun orzamento de 900.000 euros, transformará por completo esta estrada de Cerdedo-Cotobade

27/01/2024

A Deputación de Pontevedra avanza no proxecto de ensanche e mellora da seguranza viaria na estrada provincial EP-0405 A Xesteira-Almofrei, en Cerdedo-Cotobade. Deste xeito, a institución provincial ultimará na Xunta de Goberno deste martes a adxudicación do contrato para esta actuación que, cun orzamento de 900.000 euros, transformará por completo os 1,5 quilómetros desta estrada de Cerdedo-Cotobade.

A inmediata mellora da EP-0405 A Xesteira-Almofrei ten por obxecto crear vías seguras para o tránsito peonil, concretamente unha nova senda peonil na marxe esquerda da vía, de 2,5 metros de ancho, e zonas de convivencia, onde terán prioridade as e os peóns naqueles tramos nos que non se pode executar a senda. Esta terá unha lonxitude dun quilómetro, e nese trazado, ademais, limitarase a velocidade a 30 km/h e incorporaranse tres redutores de velocidade. Nas zonas de convivencia, de preto de 300 metros de lonxitude, a velocidade máxima será de 20 km/h.

Ademais, desde a conexión coa estrada autonómica PO-233, o proxecto de transformación tamén inclúe a mellora do trazado, coa aplicación dunha nova capa de rodaxe e o emprego de novos paquetes de firme para ampliar a plataforma nas zonas de convivencia. Como actuacións complementarias, a Deputación de Pontevedra tamén acometerá a mellora da drenaxe e a canalización para soterrar a rede de iluminación nas zonas de convivencia. Con isto, conseguirase diminuír o consumo de enerxía, cun aforro enerxético estimado do 14 % (pasando dos 42.969 kWh anuais aos 37.030 kWh).

A Deputación conseguiu unha achega do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE ) dentro do programa “DUS-5000” por importe de preto de 700.000 euros, polo que máis do 70 % da actuación se financiará con recursos de Europa. O importe restante asúmeno a institución provincial e o Concello de Cerdedo-Cotobade.

Logos