A Deputación enche de alertas o Pazo provincial para non baixar a garda da loita feminista na acción central do 8M en Pontevedra

Carmela Silva: “Temos dereitos, temos voz e reclamamos o noso espazo. Hoxe vivimos a maxia que xera o feminismo nun acto de berro, cultura e sororidade”

08/03/2023

8M 2023

O exterior do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra amenceu esta mañá de 8M ateigada de cintas de baliza de perigo, para alertar a sociedade sobre a necesidade de reactivar o estado de urxencia que esixen os temas que conforman a axenda feminista. Esta ambientación formou parte da acción artística que desenvolveu hoxe en Pontevedra a administración provincial no marco do 8M, Día Internacional das Mulleres, “Alguén aí?”: unha impoñente e emotiva intervención no vestíbulo do Pazo, ateigado de mulleres e tamén de homes, a cargo da mestra, escritora e artista Carmen Quinteiro. A creadora contou coa colaboración das músicas Su Garrido e Sheila Patricia. Ademais, as deputadas do Goberno provincial, encabezado pola súa presidenta Carmela Silva, participaron na acción como tamén o fixeron as alumnas do Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero do CIFP A Xunqueira (Pontevedra).

A presidenta da Deputación definiu a acción liderada por Carmen Quinteiro como “un acto de berro, de cultura e de sororidade para dicirlle á sociedade que estamos aquí, en pé e xuntas, para reclamar o que nos pertence: a nosa vida, a metade de todo, ser libres, ser iguais e vivirmos nunha sociedade xusta”. Carmela Silva asegurou que “temos dereitos, temos voz e reclamamos o noso espazo”, e agradeceu as mulleres que participaron no acto “pola súa forza e empuxe e por empregar a voz e a música como instrumento de cambio”. En definitiva, a Deputación viviu este 8M “a maxia que xera o feminismo, porque feminismo sempre: feminismo ou barbarie”.

Ás 10:45 horas comezaron a soar unhas intensas alarmas que encheron de alerta toda a Alameda de Montero Ríos como preludio da acción, que arrancou ás 11:05 horas da man da súa autora, Carmen Quinteiro. Mentres descendía as escaleiras do hall principal, e cos sons do vento do deserto e latexos de corazón de fondo, lanzou ao público a pregunta que titula a súa intervención artística: “Alguén aí?”, interrogación que foi recollida pola propia Carmela Silva, que baixando a escalinata contestou “eu estou aquí”, ao igual que as deputadas provinciais. A presidenta deu lectura a un poema autoría de Carmen Quinteiro. “O teu futuro é o teu presente, o teu tempo é o teu refuxio. Habita a túa casa. Goza de ti. E lembra: es única e o teu sorriso é a miña esperanza”.

A acción, que contou con intérprete en lingua de signos, consistiu nun recitado poético a cargo de Quinteiro, intercalado coas actuacións musicais de Su Garrido, con “Rúa do pracer” e “As flores silvestres”, e Sheila Patricia, que cantou “A voz das amigas” e “O mar”. Ademais, Carmen Quinteiro tamén interpretou en lingua de signos un poema que soou a través dunha voz en off, e cinco alumnas do CIFP A Xunqueira leron un manifesto no que instaron a dar un paso adiante e alzar as súas voces por todas as mulleres, e a ocupar o seu lugar sen impedimentos e conquistando os espazos onde durante moito tempo permaneceron invisibilizadas –a ciencia, os libros de texto, as esferas de poder…–. No texto tamén houbo un oco para recoñecer as mulleres feministas que abriron o camiño da loita polos seus dereitos, mulleres das que as feministas de hoxe son herdeiras, e aquelas que foron asasinadas a mans do machismo. “Alguén aí?” rematou coa participación do público que asistiu ao acto que, ao berro de “eu estou aquí”, foi subindo á escalinata do Pazo para finalizar a acción nun abrazo colectivo cheo de sororidade.

A acción central en Pontevedra forma parte das alianzas (na política, na investigación, nos medios de comunicación ou na economía, entre outros sectores) que está a construír este ano a Deputación co gallo do 8M, baixo o lema “A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos” e o cancelo en redes sociais #depoPORelas365, en alusión ao traballo diario e imparable que realiza a institución provincial a prol da igualdade.

Ademais da celebrada na cidade de Pontevedra, as accións da Deputación polo 8M continúan pola tarde en Vigo, onde terá lugar a partir das 17:30 horas a performance “2,2 quilómetros de alento” a cargo das artistas Andrea Mosquera e María Roja, e a inauguración das exposicións “A muller da miña vida” de Puri Castro e “Dar alento” de Ofelia Cardo nas salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo, respectivamente, da sede da institución provincial na cidade. A performance, que consistirá nun percorrido a pé de 2,2 km –aos que fai alusión o título da peza–, poderase seguir en directo a través dunha pantalla durante a inauguración das mostras.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.