Reivindicación, denuncia e arte para “alentar” a loita pola igualdade no acto central do 8M da Deputación en Vigo
Andrea Mosquera e María Roja percorreron os “2,2 quilómetros de alento” desde o Xulgado de Violencia sobre a muller ata á sede provincial, onde tamén se inauguraron as exposicións de Puri Díaz e Ofelia Cardo
08/03/2023
Dúas mulleres camiñan cargadas de bolsas da compra polas rúas de Vigo amosando o peso que levan nas súas costas todas as mulleres pero os seus gritos de auxilio non son escoitados. Outras dúas mulleres amosan mentres tanto a súa memoria e a súa loita pola igualdade a través das imaxes, esculturas e instalacións nas salas que levan o nome doutras pioneiras, Rosalía de Castro e Maruja Mallo. As catro creadoras, Andrea Mosquera, María Roja, Puri Díaz e Ofelia Cardo protagonizaron hoxe as accións artísticas coas que a Deputación “alenta” a loita pola igualdade neste 8M en Vigo. “Temos dereitos, temos voz e reclamamos o noso espazo. Hoxe vivimos a maxia que xera o feminismo nun acto de berro, cultura e sororidade”, destacou a presidenta provincial Carmela Silva.
A sede provincial en Vigo encheuse de feminismo e foi o escenario dunha tripla acción neste 8M que se desenvolveu de xeito simultáneo. Na sede, as persoas asistentes puideron seguir en directo a retransmisión por streaming da acción “2,2 quilómetros de alento” , na que Andrea Mosquera e María Roja percorreron esa distancia entre o Xulgado de Violencia sobre a Muller e a sede cargadas con bolsas da compra, amosando “o sobreesforzo” que viven día tras día as mulleres. Mentres, no espazo da rúa Chao inaugurábase unha dobre exposición: dunha banda, Puri Díaz ofrece na Sala Rosalía de Castro “A muller da miña vida” e, por outra, Ofelia Cardo “Dar alento” na Maruja Mallo, mostras que permanecerán abertas ata o 28 de abril.
“Estamos aquí, en pé e xuntas, para reclamar o que nos pertence: a nosa vida, a metade de todo, ser libres, ser iguais e vivirmos nunha sociedade xusta”, reclamou a presidenta provincial. Carmela Silva asegurou que “temos dereitos, temos voz e reclamamos o noso espazo”, e agradeceu ás mulleres que participaron no acto “pola súa forza e empuxe e por empregar a voz e a arte como instrumentos de cambio”. En definitiva, a Deputación viviu este 8M “a maxia que xera o feminismo, porque feminismo sempre: feminismo ou barbarie” subliñou na Sala Rosalía.
“2,2 quilómetros de alento”
Neste mesmo espazo viviuse en directo o remate da acción do 8M protagonizada por Andrea Mosquera e María Roja. As dúas creadoras terminaron alí o percorrido iniciado desde o Xulgado de Violencia sobre a Muller reclamando a implicación do público asistente para acadar “o relevo dese peso que levan as mulleres” e que elas simbolizaron cargadas coas bolsas da compra. “Isto é algo que abrangue a toda a sociedade e ese peso témolo que levar entre todos e todas”, afirmou Mosquera. “Nese percorrido –indicaron as artistas- tentas coller aire. Para nós, o alento do título é por unha parte ese intento de sobrevivir ao esforzo, pero tamén é o alento de todas. Nós levamos un peso físico, pero para outras mulleres ese peso non está materializado”.
Durante o camiño, as dúas creadoras foron intercalando gritos de auxilio que escapaban das propias bolsas, en moitas partes non escoitados, tamén a xeito de denuncia: “Quixemos facer alusión ás chamadas de auxilio que non son respondidas. De vez en cando escóitanse, noutras veces non, porque os ruídos da cidade ocúltanas. Ao igual que na realidade, esas chamadas de auxilio de calquera muller quedan tapadas”.
As exposicións na sala Rosalía e Maruja Mallo
Na apertura das mostras, Puri Díaz explicou que o tema “A muller da miña vida” é a memoria, no que traballa desde hai dez anos coincidindo co nacemento do seu fillo, e ten o fío condutor “dos recordos”, neste caso vinculados ao seu núcleo familiar, con imaxes “propias e apropiadas”, algunhas delas do seu pai, que era afeccionado á fotografía. “Busco falar da memoria desde os recordos –sinalou-, que moitas veces son propios e outras construídos, escoitados doutras persoas e que fago propios”. “Na exposición están todas as persoas que forman o meu universo persoal”, entre as que citou á “comunidade de mulleres” que formaba coa súa nai, a súa tía e as súas avoas, amais do seu pai, o seu irmán, o seu fillo e o seu compañeiro.
Pola súa banda, Ofelia Cardo lembrou que o feminismo “é unha clave importante” no seu traballo, que nesta exposición ofrece obras inéditas que aluden á intersección entre feminismo e ecoloxía, “entrelazando muller e natureza na dominación e subordinación histórica que o ser humano ten feito de ambas”. “Con ‘Dar alento”, que tenta desmontar a visión antropocéntrica e androcéntrica do mundo, gustaríame que, como seres humanos, nos recoñecésemos como parte da natureza”, subliñou no acto. Cañas, escaiolas, lentellas, las, medias, fotografías e instalacións son as técnicas e os materiais empregados pola creadora que, dentro da mostra, tamén instalou pezas que falan “dunha sexualidade violentada e opresiva, mediante tensións, medias e pedras que nos esmagan”.