Programa de compostaxe local (Revitaliza)

Programa de compostaxe local

Revitaliza

Na Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, recóllese que as entidades locais adoptarán as medidas necesarias para a separación e o reciclado en orixe dos biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica e comunitaria ou a súa recollida separada e posterior transporte e tratamento en instalacións específicas de reciclado.


O programa Revitaliza contempla tres liñas distintas de actuación en función das posibilidades de cada cidadá ou cidadán e da distribución da poboación:

  • Compostaxe individual
  • Compostaxe comunitaria
  • Plantas de compostaxe comarcal

Desde a Deputación de Pontevedra apóstase, sempre que sexa viable, pola xestión dos biorresiduos tratándoos alí onde se producen (“quilómetro cero”) a través da compostaxe doméstica e comunitaria.

A compostaxe consiste nun proceso aerobio e termófilo que, baixo condicións controladas de temperatura, aireación e humidade, converte os biorresiduos (o 37 % da bolsa tipo do lixo municipal) nun produto fertilizante. Nel están implicados organismos e microorganismos descompoñedores. Para levala a cabo cómpre mesturar residuos de cociña e xardín con restos leñosos e secos de podas, serraduras e follas e así producir unha emenda de elevada calidade: o compost.