Luis López trasladará este xoves a unha ducia de concellos avances na recadación do IBI da AP-9
O presidente provincial convocou o pasado venres os rexedores dos municipios polos que discorre a autopista na provincia e teñen delegado no ORAL a recadación tributaria
08/04/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, trasladará este xoves aos alcaldes dos concellos polos que discorre o trazado da autopista AP-9 ao seu paso pola provincia e que teñen delegado no ORAL a recadación tributaria do IBI os avances conseguidos polo goberno provincial para incrementar a recadación dunha ducia de concellos.
Desde o executivo da Deputación, a través do Servizo de Xestión Tributaria que encabeza o deputado Alejandro Lorenzo, levan meses traballando para conseguir que os concellos reciban os fondos que lles corresponden despois de que expirara no ano 2023 a bonificación do 95 % da que se viña beneficiando a empresa titular da autoestrada.
En maio do ano 2024, o presidente provincial xa adiantara que a Deputación estaba traballando para incrementar a recadación dos concellos polos que pasa a AP-9. Menos dun ano despois, Luis López trasladará aos rexedores destes concellos os avances conseguidos pola xestión do goberno provincial neste asunto.
Os municipios da provincia polos que discorre o trazado da AP-9 e que teñen delegado no ORAL a recadación do IBI son Barro, Caldas, Meis, Moaña, Mos, Poio, Pontecesures, O Porriño, Portas, Tui, Valga e Vilaboa.
Desde a Deputación séguese con moita atención todos os acontecementos que rodean a AP-9. Así, ademais do apoio do ORAL e dos servizos xurídicos para que os concellos recaden o que lle corresponden, tamén seguen a coordinar reclamacións como a gratuidade da autoestrada para treitos como o comprendido entre Pontevedra e Curro, o desbloqueo do debate no Congreso para traspasar a titularidade a Galicia ou a conxelación das subas das peaxes.