Luis López sinala que a Deputación liderará as reclamacións do IBI a Audasa dunha ducia de concellos polos que transcorre a AP-9: “Iremos ata o final”
O presidente traslada aos rexedores que teñen delegado no ORAL a recadación do tributo que na última semana de abril a Administración provincial liquidará 700.000 € correspondentes a catro meses de 2023 que non foron aboados
10/04/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de trasladar aos rexedores dos doce concellos da provincia polos que transcorre a autopista AP-9 e que teñen delegado no ORAL a recadación do IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) que reclamará a Audasa, empresa concesionaria da autoestrada, o pago de 700.000 euros deste imposto correspondente aos últimos catro meses do ano 2023. “Na última semana de abril, imos reclamar 700.000€ que lles corresponden a estes concellos. Teñen tres meses para facer o pago ou seguiremos facendo todo tipo de reclamacións”, resumiu o mandatario provincial o motivo do encontro cos alcaldes e alcaldesas.
A AP-9 beneficiouse dunha bonificación do 95 % no IBI desde o ano 1972 ata agosto do ano 2023. No momento no que esa bonificación expirou, a través do ORAL a Deputación comezou a traballar para que os concellos que son atravesados por esta autoestrada cobraran os impostos que lle corresponden. Así, a recadación polo IBI da AP-9 pasou de 100.000 euros ata os 2 millóns de euros anuais. “A boa xestión da Deputación a través do ORAL xa lle repercutiu aos concellos un aumento da recadación de 1,9 millóns de euros”, subliñou o presidente provincial, quen puntualizou que “o ano 2024 xa está liquidado, pero hai catro meses do 2023 que non se pagaron”.
O presidente Luis López convocou este xoves no Pazo provincial aos rexedores dos doce concellos da provincia polo transcorre a AP-9 e nos que o ORAL encárgase da recadación tributaria de impostos coma o IBI. Son os concellos de Poio, Portas, O Porriño, Moaña, Barro, Caldas, Pontecesures, Meis, Vilaboa, Mos, Valga e Tui. Concellos que verán elevada a súa recadación de xeito notable. É o caso de Portas que pasa duns ingresos de 10.000€ a 194.000€, do Porriño, de 11.000€ a 223.000€; de Caldas, de 16.000€ a 335.000€; ou de Vilaboa, de 22.000€ a 435.000€. “Xa está ben falar do que pagan os usuarios por utilizar a AP-9, é momento de reclamar cuestións que redunden en beneficios para todos os veciños que se ven atravesados por esta vía de alta capacidade”, remarcou López.
Actualización do IBI
Ingresos que poderían verse incrementados a curto prazo, porque desde a Deputación estúdase tamén a actualización dos baremos do IBI no tocante á autoestrada AP-9 ao seu paso pola provincia de Pontevedra. “O IBI calcúlase en base a ponencias, aquí temos unha do ano 2007. Solicitaremos que se actualicen os valores sobre os que aplicar os coeficientes porque se a autopista e as construcións anexas incrementaron o seu valor, iso vai repercutir en máis diñeiro para os concellos e os veciños. É algo que tamén imos reclamar", engadiu o presidente provincial.
Unhas reclamacións que son compatibles co movemento tamén encabezado na provincia pola Deputación para esixir a gratuidade da autoestrada, a liberación de peaxes de treitos como o de Pontevedra a Curro, da conxelación das peaxes e tamén a esixencia á Mesa do Congreso para que desbloquee dunha vez o debate para a transferencia da titularidade da autoestrada á Galicia.