O secretario de estado de Medio Ambiente comprométese a liderar e coordinar a posta en marcha do proxecto do parque e a ponte transfronteirizos da Amizade
Hugo Morán pretende implicar a diferentes áreas do goberno español e plantexar unha proposta conxunta multidepartamental a Portugal
03/02/2022
O resultado da reunión da presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Minho e a alcaldesa de Tomiño en Madrid co secretario de estado de Medio Ambiente Hugo Morán onte en Madrid non puido ser máis satisfactorio: o representante estatal comprometeuse a liderar e coordinar no goberno central a posta en marcha do proxecto do parque e a nova ponte peonil transfronteiriza da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira.
A delegación pontevedresa foi a Madrid a poñer sobre a mesa o proxecto, explicando que se trata dunha iniciativa que creará unha ‘euroárea’ de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista no punto máis estreito do Miño que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e dos maiores de toda a Europa.
A receptividade por parte de Hugo Morán foi grande e dende o inicio comprometeuse a liderar e coordinar no goberno español unha reunión cos diferentes Ministerios e departamentos que poderían estar implicados no proxecto, tanto dende o punto de vista das relacións internacionais (Exteriores), da cohesión territorial e reto demográfico (MITECO), como da mobilidade (MITMA) -por promover desprazamentos activos-. A partir de aí a intención de Morán será propoñer unha iniciativa multidepartamental conxunta dende o goberno español ao goberno portugués.
Morán salientou que na actual lexislatura o Goberno español creou a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico co obxectivo de desenvolver a Estratexia de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal, en cuxas competencias encaixa o proxecto do parque e a ponte da Amizade.
Ante esta resposta tan positiva, a representación española en Madrid, manifestou a súa grande satisfacción. A presidenta Carmela Silva confiou no futuro do proxecto e lembrou que naceu do mundo local transfronteirizo “coa grande ambición” de unir a dous pobos veciños a través do Miño. Destacou que o territorio ten grandes valores medioambientais, culturais, históricos, unha lingua que une, e unha economía moi potente “pola que temos que seguir a traballar para construír futuro”.
Pola súa parte, o deputado Uxío Benítez manifestou que a reunión de onte supón un paso adiante para que o parque e a ponte sexan “unha realidade” e non só un desexo. Lembrou que a Deputación e o AECT seguirán traballando e buscando maneiras para garantir paso a paso a súa viabilidade a pesares da dificultade dun proxecto de tanto alcance que precisa unha tramitación conxunta por parte de dous estados.
Finalmente, a alcaldesa de Tomiño Sandra González subliñou a súa ledicia pola boa acollida por parte de Morán. A nacionalista lembrou que pola parte portuguesa a ministra Ana Abrounhosa xa se comprometera dúas veces na eurocidade Tomiño-Cerveira a sacar adiante este proxecto porque era “sen dúbida estratéxico, simbólico e singular”. Indicou que “agora na parte do Estado Española xa conseguimos un interlocutor, unha persoa que lidere o procedemento, o que é moi positivo e moi satisfactorio”, dixo, aínda que recoñeceu tamén que o procedemento ata a construción do parque e da ponte da Amizade será complexo porque precisará dun convenio internacional.