A Deputación leva o programa +Escénicas de novo a Forcarei coa función “Palabras” de Baobab Teatro
A peza, para público familiar, poderá verse no auditorio de Soutelo de Montes o próximo sábado 4 de xaneiro ás 19:30 horas
02/01/2025
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 4 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Forcarei de novo coa obra teatral “Palabras”, a cargo da compañía Baobab Teatro. A peza, para público familiar, poderá verse no auditorio de Soutelo de Montes a partir das 19:30 horas no marco desta pioneira iniciativa cultural da institución provincial, dotada de 150.000 euros, que está a levar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025. Esta non é a primeira vez que +Escénicas chega ao concello de Forcarei, onde mañá 3 de xaneiro se representa tamén a función “Máis Saaabor!” no centro social ás 19:30 horas.
“Palabras”, de Baobab Teatro, é un espectáculo que fará viaxar o público a través da música, xogos, enredos e historias tradicionais. Está pensado para enredar, rir e bailar, a través das artes escénicas e da música, e onde a palabra e as brincadeiras están presentes para levar a tradición oral galega tamén aos máis pequenos e pequenas da casa.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.