A Deputación leva o programa +Escénicas a Cuntis coa obra teatral “Pequenas grandes maxias” do Mago Teto
A peza, para todos os públicos, poderá verse na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres o próximo venres 3 de xaneiro ás 19:30 horas
01/01/2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 3 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Cuntis coa obra teatral “Pequenas grandes maxias” do Mago Teto. A peza para todos os públicos poderá verse na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres a partir das 18:00 horas no marco desta pioneira iniciativa cultural da institución provincial, dotada de 150.000 euros, que está a levar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
“Pequenas grandes maxias” é unha viaxe aos enfocados directamente á mente dos públicos e con elementos pequenos como libros, móbiles, moedas ou naipes, pero tamén palabras e sombras. E sempre cun resultado máxico moi grande. Con estes soños, o público poderá atravesar o espello do mundo real ao mundo da fantasía, como fai Alicia no conto, e sentir emocións únicas e irrepetibles. O espectáculo inclúe viaxes imposibles, ruletas rusas curiosas, predicións dos números dun sorteo de lotería moi peculiar, estrañas coincidencias e tamén o intento por parte do mago de explicar algún xogo. Terá unha duración aproximada de 75 minutos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.