A Deputación leva o programa +Escénicas a Agolada co espectáculo infantil “O galo Quirico e os seus amigos” de Seisdedos Marionetas Tradicionais
A peza, para público familiar, poderá verse nos Pendellos o próximo domingo 5 de xaneiro ás 18:00 horas
03/01/2025
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 5 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Agolada coa obra teatral infantil “O galo Quirico e os seus amigos”, a cargo da compañía Seisdedos Marionetas Tradicionais. A peza, para público infantil, poderá verse nos Pendellos a partir das 18:00 horas no marco desta pioneira iniciativa cultural da institución provincial, dotada de 150.000 euros, que está a levar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
“O galo Quirico e os seus amigos” presenta o conto popular do mesmo nome xunto con algúns números de marionetas tradicionais, no que os espectadores poderán participar cantando e danzando. A posta en escena do espectáculo contará con monicreques e un teatriño de cartón, con música en directo interpretada polo acordeonista Carlos Quintá.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.