Luis López pon o programa “Ponte a Zero”, para avanzar na sustentabilidade da provincia, como unha nova mostra dos froitos da colaboración entre a Deputación e a Xunta

O presidente provincial asina un protocolo coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para prolongar neste 2025 un programa para concienciar estudantes de centros educativos dos 61 concellos da provincia necesidade de separar os residuos en orixe

10/04/2025

O presidente provincial asina un protocolo coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este xoves o protocolo de colaboración coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para prolongar ao longo de todo o ano 2025 o programa "Ponte a Zero", un proxecto educativo para concienciar aos estudantes dos centros educativos dos 61 concellos da provincia da importancia de separar correctamente os residuos e mellorar a súa xestión. "Se as Rías  Baixas son un modelo de sustentabilidade, a xestión dos residuos e esa labor de concienciación debe ser tamén determinante", afirmou o mandatario provincial despois de asinar o acordo no vestíbulo do Pazo provincial, onde tamén estivo presente o deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola; e persoal da Consellería e do CEIDA, entidade encargada de impartir a formación.

O programa "Ponte a Zero", que conta cunha achega da Deputación de 150.000 euros, consiste na realización de accións educativas deseñadas para o alumnado de Educación Infantil, primaria, Secundaria e Especial, así como formación para o profesorado e todos os integrantes da comunidade educativa que se levarán a cabo en centros educativos dos 61 concellos da provincia co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de mellorar o tratamento dos residuos en orixe mediante a correcta separación e, en consecuencia, da redución dos mesmos. "Levamos esta formación aos colexios dos 61 concellos da provincia. Vivan onde vivan, reforzamos a concienciación para a xestión dos residuos e da súa separación", afirmou o presidente, quen comprobou a boa acollida deste programa, estreado no 2024 e que agora se prolonga un ano máis, nunha visita ao CEIP Serra Vincios de Gondomar.

Non é a única iniciativa posta en marcha pola Deputación en materia de medio ambiente e xestión de residuos. Lembrou López que a través de plans como o +Provincia promóvese a mellora dos servizos de recollida de residuos e a da súa xestión, como o posto en marcha en Meaño ou Ribadumia; ou o programa de formación e inspección nos sectores do comercio e a hostalaría para favorecer a correcta separación dos residuos en orixe. "Reafirmamos o noso compromiso co medio ambiente en cada unha das accións que poñemos en marcha. Que os que visiten as Rías Baixas saiban que van atopar un destino tremendamente vinculado co medio ambiente e sustentable", afirmou o presidente Luis López, quen puxo en valor o labor desenvolvido polos educadores ambientais do Ceida (Centro de Extensión universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) no marco do programa "Ponte a Zero"

A renovación do programa educativo "Ponte a Zero" supón unha mostra máis dos resultados que está a dar a colaboración en todos os ámbitos da vida social entre dúas administracións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta. "En materia de cultura, asinamos importantes colaboracións que teñen que ver con Santa Clara ou co Cine Fraga; en infraestruturas participamos nunha colaboración a tres bandas entre a Deputación, a Xunta e o Concello de Lalín para a construción dun edificio en Carragoso; e chegamos tamén a acordos en materia de deportes ou medio ambiente", rematou o dirixente concluíndo que "é necesario que todas as administracións colaboremos independentemente da cor política. E algo estamos a realizar".

Galerias de imaxes

audios