A Deputación de Pontevedra promove a educación ambiental a través do programa “Ponte a zero” na xornada +Convivir Peques
14/09/2025
O sábado, 13 de setembro, a Deputación de Pontevedra, a través do programa educativo sobre a xestión de residuos “Ponte a zero”, participou activamente na xornada +Convivir Peques, que tivo lugar na Alameda de Pontevedra.
Ao longo do encontro desenvolvéronse dous obradoiros que forman parte do programa educativo que a Deputación, da man do CEIDA, leva aos centros de ensino durante o curso escolar: Dando Nova Vida aos Residuos e Os Microplásticos. Ademais, instalouse a exposición itinerante sobre a xestión dos residuos, unha ferramenta didáctica que está dispoñible para todos os centros que a soliciten.
A participación foi masiva; arredor de 150 persoas entre público infantil e adulto tomaron parte en cada unha das actividades. As e os máis pequenos déronlles unha segunda vida a diferentes materiais de refugallo creando obxectos orixinais, mentres que as e os maiores tiveron a oportunidade de coñecer de preto a problemática dos microplásticos e facer observacións directas con lupas e microscopios.
Con iniciativas coma esta, a Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso coa sensibilización ambiental e coa importancia de avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible para achegarlles coñecemento e recursos á cidadanía e, especialmente, á comunidade educativa.






