A Deputación organiza este venres en Vilagarcía un concerto do coro Tolemia’s Consort enmarcado no ciclo Entradiñas de Aninovo
A actuación terán lugar na Igrexa do Convento de Vista Alegre ás 19:00 horas e forma parte do programa que está a levar aos concellos da provincia un repertorio musical de Nadal para desfrutar en familia
01/01/2025
A Deputación de Pontevedra programa este venres 3 de xaneiro en Vilagarcía de Arousa un concerto do coro Tolemia’s Consort, que terá lugar na Igrexa do Convento de Vista Alegre a partir das 19:00 horas como parte da programación de Entradiñas de Aninovo. Este ciclo de 17 concertos en espazos culturais e patrimoniais dos concellos da provincia está composto por un repertorio clásico, tradicional e popular para desfrutar do Nadal en familia, e estase a celebrar ao longo do territorio provincial desde mediados de decembro ata mediados de xaneiro.
O coro Tolemia’s Consort é un grupo vocal de oito compoñentes, dirixidos por Sonia Bouzada: Tamara Casás, soprano; Rosa Lamas, alto; Loli Costa, mezzo; José Luis Prado, tenor; Xosé María Ferro, barítono; e Manolo Domínguez, baixo. Naceu no viveiro do Coro do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa e fixo o seu debut en Vilanova de Arousa en xaneiro de 2020, actuaron despois en Cambados e, por mor da pandemia, parouse a súa axenda, que xa puido retomar con normalidade.
Ademais de Tolemia’s Consort, que xa actuou en Sanxenxo en decembro, o ciclo Entradiñas de Aninovo inclúe actuacións de María do Ceo (en Mondariz e A Guarda), do coro Gli Appassionati (en Arbo e Ponteareas), da Banda de Música Municipal de Agolada (en Agolada, Portas e Dozón), Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro (en Portas e Oia), a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra (na Estrada e Baiona), Dania Diva (na Lama) e o Ballet de Galicia (en Bueu, Valga e Ribadumia).
O ciclo Entradiñas de Aninovo é unha actividade posta en marcha pola Deputación de Pontevedra por vez primeira este ano. Cun orzamento de 60.000 euros, súmase ás actividades programadas no Castelo de Soutomaior (visitas teatralizadas, un videomapping e sesións de contacontos) e no Museo de Pontevedra (exposicións temáticas, obradoiros infantís a actuacións musicais).