Luis López anuncia a aprobación dun convenio co Concello de Sanxenxo para investir preto de 1,2 millóns de euros na mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9208 Noalla-Aios
O proxecto, financiado ao 80% pola Deputación, contempla a creación dun itinerario peonil duns 960 metros de lonxitude que dará continuidade á senda xa desenvolvida entre núcleo de Noalla e a praia da Lanzada
05/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa a aprobación dun novo convenio co Concello de Sanxenxo, a través do cal se destinarán preto de 1,2 millóns de euros para mellorar a mobilidade peonil na EP-9208 Noalla - Aios. Deste orzamento, a Deputación financiará o 80%, é dicir, 950.0000 euros, e o Concello o 20% restante, preto de 240.000 €. O presidente provincial lembrou que a reforma desta estrada era “un dos obxectivos prioritarios que nos trasladaron desde o Concello de Sanxenxo. E aquí estamos, como Deputación abandeirada do municipalismo, dando respostas ás demandas dos concellos”.
As obras nesta estrada peonil contemplan a creación dun itinerario peonil duns 960 metros de lonxitude que dará continuidade á senda xa desenvolvida pola Deputación entre núcleo de Noalla e a praia da Lanzada. Para iso construirase na marxe dereita da estrada unha senda peonil de formigón coloreado de ancho mínimo de 2,50 metros, redistribuíndo os espazos existentes na plataforma, renovando a capa de rodaxe da calzada con mestura bituminosa en quente e acondicionando os frontes da marxe esquerda mediante soleira de formigón ou cuneta transitable de formigón.
Ademais, dentro das actuacións proxéctase tamén a renovación, mellora e reubicación das paradas de autobús e a execución de pasos de peóns elevados, así como a renovación da rede de drenaxe, do alumeado público e luminarias, a colocación de mobiliario urbano e o soterramento da rede eléctrica e telecomunicacións.