A Deputación e o Concello de Sanxenxo analizan proxectos en marcha e novas actuacións nas estradas provinciais que atravesan a vila

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e confirmou o compromiso da institución provincial para dar impulso aos proxectos prioritarios do Concello en canto ás estradas provinciais que discorren pola vila

03/05/2024

Luis López en conferencia de prensa

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, mantivo unha xuntanza co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e membros do Goberno local, entre os que tamén se atopaba o concelleiro da vila e deputado provincial, Marcos Guisasola, para afondar nos proxectos en marcha e en novas actuacións nas estradas provinciais ao seu paso pola vila.

Isabel Couselo subliñou que o obxectivo do encontro era “escoitar as prioridades do Concello de Sanxenxo en canto ás vías provinciais que atravesan o termo municipal” e, neste sentido, confirmou a vontade da Deputación de impulsar aqueles proxectos prioritarios do Goberno local en canto ás estradas provinciais que discorren pola vila. “Queremos desatascar –asegurou a deputada provincial – actuacións que había en marcha nas estradas provinciais ao seu paso por Sanxenxo que non deron saído adiante e nós buscamos resolver canto antes, para que vexan a luz o máis rápido posible”.

Deste xeito, na xuntanza entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo marcáronse como obxectivos prioritarios o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-9208 Noalla-Aios, cun orzamento de máis dun millón de euros. Tamén se acordou desbloquear a actuación de mellora da seguridade viaria na EP-9206 entre Portonovo –Vichona e rúa do Río, cuxo proxecto está xa nestes momentos modificándose no servizo de Infraestruturas da institución provincial.