A Deputación celebra no Museo de Pontevedra a sexta edición da Semana Lorquiana cun concerto ilustrado, unha andaina pola cidade e visitas escolares
O concerto celebrarase o mércores 15 de novembro, ás 19:00 horas, e a camiñada o sábado 18 ás 12:00 horas, ambas actividades dirixidas a público adulto
10/11/2024
A Deputación celebra no Museo de Pontevedra, por sexto ano, a Semana Lorquiana, un conxunto de actividades dedicado a lembrar as visitas de Federico García Lorca á cidade. A próxima semana, do 12 ao 16 de novembro, o Museo acollerá visitas con contacontos concertadas con centros escolares e dúas actividades dirixidas a público adulto: un concerto ilustrado e unha camiñada lorquiana pola cidade.
O xoves 14 de novembro ás 19:00 h no Edificio Castelao, terá lugar o concerto ilustrado ‘Federico García Lorca, poeta galego’. Trátase dun espectáculo dirixido a público adulto no que a través da narración, a música e a ilustración se fai un percorrido pola obra e a estadía galega de Federico García Lorca. A actuación corre a cargo de Marcelo Dobode, Víctor Movilla, Tania Solla, Antón Ke e Polo Correo do Vento.
O sábado 16 de novembro farase unha andaina pola cidade, co título 'Federico García Lorca en Pontevedra’. Está dirixida a público adulto e terá a saída ás 12:00 h desde o Edificio Castelao. Para participar é preciso inscribirse no correo polocorreodovento@hotmail.com.
Ademais, durante toda a semana, do 13 ao 15 de novembro, realizaranse sesións orais para escolares de centros de Pontevedra con narracións para público infantil nas que se relaciona a presenza de García Lorca cos fondos do Museo de Pontevedra. Toda a programación da Semana Lorquiana está a cargo da empresa cultural Polo Correo do Vento.
Lorca en Pontevedra
A relación de Federico García Lorca con Galicia levouno a definirse como “poeta galego” e escribir na nosa lingua os seus 'Seis poemas galegos'. Visitou Galicia en tres ocasións, dúas delas en 1932 e en ambas pasou por Pontevedra. A primeira foi en agosto á fronte do grupo teatral La Barraca. A segunda foi en novembro, cos responsables da revista Cristal como anfitrións. En Pontevedra escribiu un fermoso soneto iniciado co verso “Yo sé que mi perfil será tranquilo”, que viu a luz publicado no número 6 de Cristal.