Luis López anuncia o reparto dos 250.000 euros de axudas provinciais ás cooperativas agrogandeiras entre 14 entidades de oito concellos da provincia

“Para este goberno provincial –asegurou o presidente da Deputación– o sector primario é fundamental polo importante peso que ten na economía, pola súa estreita relación coa saúde e por ser un factor indispensable para facer fronte ao reto demográfico”

30/08/2024

Xunta de Goberno30-08-2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno aprobou o reparto dos 250.000 euros de axudas para cooperativas agrogandeiras. “Para este goberno provincial –asegurou Luis López– o sector primario é fundamental polo importante peso que ten na economía da provincia, pola súa estreita relación coa saúde e a mellora da calidade de vida das persoas e por ser un factor indispensable para facer fronte ao reto demográfico”.

En total, tal e como explicou o presidente, serán 14 entidades de Cambados, Forcarei, Lalín, Meaño, Moaña, Pontevedra, Rodeiro e O Rosal as que recibirán ata un máximo de 29.000 euros para afrontar diversos investimentos. Deste xeito, a través destas axudas provinciais poderán desde adquirir nova maquinaria como envasadoras, liñas automáticas de pesaxe e etiquetaxe, sementadoras, distribuidoras de herba ou máquinas forestais, ata mercar furgonetas e tractores, equipamentos informáticos e mobles ou, entre outras iniciativas, afrontar gastos de asesoramento e mellorar procesos ou servizos prestados.

De Lalín recibirán axudas provinciais seis cooperativas: Aprodeza (21.400 euros), Campodeza (27.200 euros), Cooperativa Gandeira de Botos (16.300 euros), Gandeiros do Deza (23.300 euros), Valle del Deza (5.800 euros) e Xuncoga (13.600 euros). Nestas, as axudas provinciais servirán para adquirir maquinaria agroforestal, equipamentos informáticos e mellorar a eficiencia lumínica.  

Pola súa banda, de Meaño serán dúas as cooperativas que se beneficiarán dos recursos provinciais:  A Milpa do Salnés e Cooperativa Vitivinícola Arousana, que recibirán 9.500 e 29.000 euros respectivamente para recibir asesoramento para estudar as características organolépticas das fariñas de millo galego e para adquirir dous tractores para labores vitivinícolos.

Ademais, Horsal, de Cambados, beneficiarase de 29.000 euros destas axudas provinciais para adquirir unha envasadora e unha liña automática de pesaxe e etiquetaxe; a Cooperativa Agrícola de Forcarei recibirá 27.000 euros para comprar unha sementadora, un distribuidor de herba e equipamento informático; A Meixoeira, de Moaña 1.500 euros para mercar mobiliario, equipamento informático e mellorar os procesos na súa queixería; Cobideza, de Pontevedra, beneficiarase de 29.000 euros para adquirir equipamento informático e realizar melloras na queixería e nos servizos aos socios; O Rodo, de Rodeiro, recibirá 21.000 euros para adquirir equipamento informático e maquinaria agrícola, e Porta Río Miño, do Rosal, 7.000 euros para comprar unha furgoneta e diverso equipamento informático de oficina.

O venres 6 de setembro comezarán 10 obradoiros. Aprenderán pandeireta e canto popular 23 persoas da Asociación para a Protección dos Anciáns de Lalín e Comarca (APALC), 19 persoas da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns (Tui), 15 da Asociación Sociocultural e Deportiva de Veciños e Amigos de Santiago de Caroi (Cerdedo-Cotobade) e outras 15 da Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos (Vigo). Ademais, 22 persoas da Asociación de Veciños da Praza da Miñoca (Vigo) comezarán un obradoiro sobre restauración de mobles e tapicería, 25 da Asociación Cultural de Persoas Maiores do Rosal un de bailes de salón, 21 persoas da Asociación Cultural e Deportiva de Cidadelle (Redondela) un sobre risoterapia, 18 mulleres da Asociación de Mulleres de Troáns (Cuntis) un de ioga, 15 persoas da Asociación de Pensionistas de Ariño de Aldán (Cangas do Morrazo) un sobre conservación de memoria e, finalmente, 15 da Asociación Cultural de Santo Estevo (Ponteareas) unha acción sobre musicoterapia.

A última acción do programa Provincia activa da semana comezará o sábado 7 de setembro, cun obradoiro centrado na musicoterapia no que participarán 15 usuarios da Fundación Residencia Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa.

En total, a Deputación ofertou neste 2024 catorce obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: Benestar natural (Plantas medicinais), Saúde en movemento (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), Emociónate (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), Outra vida (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), Con ritmo! (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e Redeir@s (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e están a participar nos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.