Luis López anuncia unha suba do 40 %, ata os 350.000 euros, das axudas a cooperativas agrogandeiras como mostra do compromiso da Deputación so sector primario
O presidente provincial visitou a Cooperativa Xuncoga, antes de anunciar este novo apoio nun encontro con cooperativistas no viveiro de empresas de Lalín
16/09/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este luns unha suba do 40 %, ata os 350.000 euros, do orzamento das axudas a cooperativas agrogandeiras nun encontro con cooperativistas das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes que tivo lugar no viveiro de empresas que o organismo provincial ten en Lalín, onde o dirixente da Deputación reafirmou o compromiso e o apoio do ente provincial cos profesionais do sector primario. “Seguimos coa nosa filosofía de escoitar para entender e logo atender”, sinalou Luis López, sabedor da importancia que ten o sector agrogandeiro nesta comarca e na provincia, ao tratarse dun colectivo vital para a economía, o emprego, a saúde e para o reto demográfico.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobara a finais do mes de agosto o reparto dos 250.000 euros do orzamento das axudas a cooperativas agrogandeiras da provincia correspondentes ao ano 2024. Agora ese importe experimenta unha suba de 100.000 euros, ata acadar os 350.000 euros, que se verán reflexados no orzamento do vindeiro ano 2025. “Quince días despois de aprobar o reparto de axudas —de 250.000 euros, 172.000 euros viñeron para esta comarca—, anunciamos que se van incrementar nun 40 %, a orde de axudas do vindeiro ano 2025 será de 350.000€ “, adiantou o mandatario provincial aos cooperativistas, despois de visitar xunto co deputado Marcos Guisasola e o alcalde de Lalín, José Crespo, as instalacións de Xuncoga, unha cooperativa agrogandeira de Lalín que integra a outras sete entidades deste sector e que reciben este ano case 142.000 euros en axudas por parte da Deputación
Despois da aprobar o reparto, resultan beneficiarias destes 250.000 euros iniciais un total de 14 cooperativas de oito concellos da provincia. No tocante á comarca de Lalín, Deza e Tabeirós, as entidades favorecidas e que reciben un total de 174.000 euros son: Aprodeza (21.400 euros), Campodeza (27.200 euros), Cooperativa Gandeira de Botos (16.300 euros), Gandeiros do Deza (23.300 euros), Valle del Deza (5.800 euros) e Xuncoga (13.600 euros), Agrícola de Forcarei (15.500€) e Gandeira de Botos (16.300€).
O reforzo desta orde de axudas fará que un dos motores económicos da provincia tire con máis forza, destacou Luis López durante un encontro no que agradeceu a asistencia de membros do sector agrogandeiro do interior da provincia.