Luis López destaca que a recuperación do Cine Fraga coa Xunta cumpre un desexo de Vigo para devolver á cultura un dos seus emblemas
A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia asinan un acordo con Abanca, propietaria do inmoble, para a compra do Cine Fraga por 9,3 millóns de euros
19/07/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o impulso para o sector cultural e a cidade de Vigo que suporá a recuperación do Cine Fraga durante a sinatura do acordo para a compra do inmoble por parte da Xunta de Galicia e a institución provincial a Abanca, propietaria do edificio, por un total de 9,3 millóns, dos que a Deputación asumirá o 49 %. Un acordo que supón un compromiso cumprido coa cidade de Vigo ao devolverlle á cultura un dos seus emblemas. "Durante moito tempo falamos do Cine Fraga como un pasado cada vez máis remoto ou como un pasado interrompido polo que puido ser e non foi. Por iso hoxe é un día tan sumamente importante: volvemos a falar do Fraga en presente e en futuro", afirmou o presidente Luis López, que participou neste protocolario acto xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas.
Nun acto que tivo lugar no inmoble ubicado no número 1 da rúa Uruguay, o mandatario provincial fixo fincapé nas oportunidades de futuro que se abren no eido da cultura despois de pechar este acordo, que permitirá reabrir este teatro que leva pechado desde o ano 2001. "Coa sinatura deste acordo de compra poñemos o punto de inicio da recuperación do emblema cultural por antonomasia de Vigo. Estas míticas paredes serán o día de mañá un laboratorio de ideas, unha fábrica de talento ou un escenario de luxo. En resumo, un centro pioneiro para un sector cultural tan necesitado de espazos como este", salientou Luis López, quen estivo acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez.
Neste sentido, a recuperación do Cine Fraga supón un novo compromiso cumprido coa cidadanía de Vigo por parte do ente provincial. "Dixemos que iamos estar en Balaídos e estamos; dixemos que iamos investir en Vigo e investimos; e dixemos que iamos estar ao carón de proxectos estratéxicos e o Fraga é un deles", subliñou o titular do goberno da Deputación facendo referencia aos convenios asinados esta semana co Concello de Vigo por valor de 6,2 millóns de euros para colaborar coa instalación de ramplas mecánicas na rúa Pintor Colmeiro, mellorar a accesibilidade en Juan Ramón Jiménez e a humanización da rúa San Roque. "Estou orgulloso de ser unha institución cumpridora. E en Vigo podemos dicir de novo compromiso cumprido", remarcou Luis López.
A colaboración institucional resultou fundamental para facer realidade este acordo e por iso o presidente López quixo agradecer o traballo realizado por todas as entidades implicadas neste proxecto. "Á Xunta de Galicia, socio en tantos proxectos clave para a provincia, e ao seu presidente, que foi o primeiro en ver a necesidade de transformar un emblema ata agora pechado nun centro referente para a cultura desde Vigo. Á entidade propietaria, Abanca, por apreciar en nós o proxecto solvente de recuperación do Cine que levaba tantos anos agardando. Tamén á vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, que está a facer un seguemento puntual do proxecto co máximo interese polo Cine. E a todo o sector cultural, hoxe a cultura e todos os que queremos a cidade estamos de parabéns", rematou o presidente da Deputación.