Luis López valora a experiencia e coñecemento do arquitecto César Portela para analizar as posibilidades de acoller ao tecido cultural no Teatro Cine Fraga

O presidente provincial e o conselleiro de Cultura, José López, xunto co arquitecto pontevedrés, percorren o interior do teatro vigués para coñecer a fondo o recinto a nivel técnico de cara a acadar o mellor aproveitamento como centro cultural de referencia

09/10/2024

Visita co arquitecto César Portela o interior do antigo Teatro Cine Fraga

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; e a vicepresidenta provincial Luisa Sánchez visitaron este mércores co arquitecto César Portela o interior do antigo Teatro Cine Fraga, o emblemático inmoble vigués adquirido polas administracións autonómica e provincial, co obxectivo de coñecer a fondo o recinto a nivel técnico de cara a acadar o mellor aproveitamento como centro cultural de referencia. “Se hai unha voz autorizada para falar da recuperación, das posibilidades de futuro e da importancia de reabrir unha xoia arquitectónica e cultural como o Cine Fraga, ese é Cesar Portela”, sinalou Luis López, quen puxo en valor a experiencia e coñecemento do arquitecto para enriquecer o plan de usos do Cine Fraga coas achegas que están a realizar os profesionais da Cultura e a cidadanía.

Neste sentido, o mandatario provincial incidiu na “excelente” acollida que está a ter a iniciativa de ambas as dúas administracións para a recuperación do Cine Fraga. “Sabiamos que a cidadanía de Vigo e da provincia levaban moito tempo agardando pola recuperación dun dos emblemas da cidade, e a resposta da veciñanza nolo corroborou; sabiamos que o tecido cultural da cidade, da provincia e de Galicia precisaban dun espazo como este para impulsar a Cultura e desenvolver os seus proxectos, e as achegas dos profesionais nolo corroborou; e podiamos intuír que  restaurar esta xoia da arquitectura captaría tamén o interese dos mellores arquitectos, e estou convencido de que esta visita será decisiva para o futuro do Cine Fraga”, declarou o presidente.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura destacou que “é primordial coñecer ao detalle os distintos espazos e visualizar as actuacións que estaban previstas na anterior proposta de restauración para comezar a proxectar a reforma que converterá o Teatro Cine Fraga no gran referente da cultura en Vigo, Galicia e noroeste de España”.

En referencia aos encontros de traballo cos profesionais do sector cultural e á boa acollida que está a ter caixa de correos virtual, que suma máis de 200 propostas e que seguirá activa un mes máis; o presidente provincial amosou a súa satisfacción polos pasos adiante, sempre da man do sector cultural, que está a dar o proxecto de recuperación do Cine Fraga. “Estamos indo polo camiño correcto”, afirmou López.

O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época. Con máis de 7.000 metros cadrados, o inmoble, propiedade de Abanca, foi adquirido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra por 9,3M€, unha operación materializada o pasado 19 de xullo.

Galerias de imaxes