Rafa Domínguez é designado representante do Comité consultivo socio-empresarial do Campus CREA da Universidade de Vigo

10/05/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de ser designado como representante da institución provincial no Comité consultivo socio-empresarial do campus da Universidade de Vigo na cidade de Pontevedra, o Campus CREA. Domínguez compartirá este espazo con outros representantes de organismos, empresas, administracións e clústeres da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal relacionados coas liñas de especialización do Campus CREA para exercer labores de asesoramento, de proposta de accións de mellora e de relación entre diferentes sectores.

O vicepresidente provincial sinalou que “a colaboración entre a universidade, administracións e tecido empresarial é esencial para fomentar a innovación e o desenvolvemento de Pontevedra”. Neste eido, Domínguez asegurou que “é unha honra ser nomeado representante no Campus CREA da Universidade de Vigo” xa que “é un privilexio contribuír ao reforzo dos vínculos entre a facultade e a nosa cidade”.

O Comité socio-empresarial do que formará parte o vicepresidente provincial é un dos dous organismos consultivos externos, xunto co Comité académico, incluídos no novo modelo de gobernanza aprobado pola Universidade de Vigo para o seu campus de especialización de Pontevedra. O obxectivo desta acción é dotalo de capacidade de proxección exterior e creación de valor económico e social.