A Deputación e o Concello de Vilanova avanzan no proxecto para a humanización da estrada de Ousensa

A deputada de Infraestruturas Públicas Isabel Couselo reuniuse co alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e co tenente alcalde e tamén deputado provincial, Javier Tourís, para matizar as características da actuación na EP-9703 Vilanova-Pontearnelas

10/12/2024

Isabel Couselo en Vilanova

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vilanova avanzan no proxecto para a humanización da estrada de Ousensa, unha das prioridades do goberno local arousá. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e co tenente alcalde e tamén deputado provincial Javier Tourís, para matizar as características do proxecto para a estrada provincial EP-9703 Vilanova-Pontearnelas.

“Somos un goberno municipalista e por iso apostamos por escoitar as demandas e atender as prioridades dos concellos” subliñou a deputada provincial á hora de referirse á actuación a desenvolver na estrada provincial EP-9703 Vilanova-Pontearnelas, coñecida como estrada de Ousensa. Couselo recordou que esta se trata dunha das grandes demandas do Concello de Vilanova e subliñou que durante a xuntanza mantida afondaron no seu proxecto de humanización, que está previsto acometer nos primeiros 700 metros da vía onde se vai executar unha senda peonil para mellorar a mobilidade e seguridade viaria.

No marco da estreita colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vilanova, a deputada provincial tamén informou dos avances na actuación que se vai desenvolver na estrada provincial EP-9701 Baión –András. “O convenio está xa asinado e está en tramitación e hoxe mesmo estanse a asinar as actas previas para a disposición dos terreos necesarios para poder acometer o proxecto”, detallou Isabel Couselo.