Luis López anuncia a posta en marcha dos programas Provincia Activa e +Benestar 2025 para favorecer o envellecemento activo cun investimento de 370.000 euros

Provincia Activa contempla a realización de 130 obradoiros para maiores da 50 anos da provincia, e o programa de termalismo +Benestar busca facilitar o acceso ao turismo de saúde ás persoas maiores

13/12/2024

Luis López na conferencia de prensa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou as bases para volver poñer en marcha os programas de envellecemento activo Provincia Activa e +Benestar para o vindeiro 2025, cun orzamento próximo aos 370.000 euros. Desta maneira, Provincia Activa, cun orzamento de preto de 150.000 euros, contempla a celebración de 130 obradoiros para maiores de 50 anos, e o programa de termalismo +Benestar, con 220.000 euros, busca facilitar o acceso ao turismo de saúde ás persoas maiores da provincia. “Seguimos, con programas como estes, sumando recursos para fomentar o envellecemento activo e aumentar a calidade de vida das persoas maiores da provincia”, asegurou López.

O programa Provincia Activa, no que está previsto que participen 3.000 persoas ao longo de 2025, está aberto a entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. O obxectivo do goberno provincial é impulsar a súa independencia para evitar o seu illamento e as situacións de soidade non desexadas. Ademais, a través do programa, promoverase a participación das persoas maiores e fomentarase a cooperación social.

Cada entidade interesada poderá solicitar un obradoiro entre a ampla oferta deseñada pola Deputación e que abarca temáticas relacionadas coa natureza, o deporte, a saúde, a cultura e as competencias dixitais. En concreto, a institución provincial ofertará cursos de pilates, ioga, ximnasia de mantemento, conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia, terapia emocional, teatro, plantas medicinais, restauración de mobles, bailes de salón, pandeireta, canto popular, habilidades dixitais e informática. Cada obradoiro terá unha duración de 30 horas e impartirase en xornadas de entre unha e tres horas á semana ao longo do 2024.

+Benestar

Pola súa banda, a través do programa +Benestar a Deputación ofrecerá estancias de seis días e cinco noites nun hotel con balneario, talaso, spa ou instalacións similares para 2.127 persoas empadroadas na provincia que deben cumprir algún dos seguintes requisitos: ser maiores de 55 anos ou, no caso de non chegar a esta idade, contar cunha discapacidade superior ao 65%, ser pensionistas ou ter acreditado un respiro familiar. 2.097 das prazas estarán subvencionadas con 100 € por parte da Deputación, e outras 30 resérvanse para persoas en risco de exclusión, cunha subvención de 400 € sobre o custo total.

+Benestar está dirixido a todos os concellos da provincia e, nestes momentos, conta con 55 concellos que prestan a súa colaboración para facilitar ás persoas interesadas a realización dos trámites e axudas. Os concellos que o desexen poden solicitar adherise a este rexistro de municipios colaboradores cando así o consideren.

videos

audios