A Deputación de Pontevedra participa en Almería na primeira reunión técnica para avanzar no proxecto “Praias sen límite”
O presidente Luis López avanzou que tralo encontro desta semana en Almería, a provincia de Pontevedra acollerá a segunda xuntanza técnica do proxecto no que a Deputación participa xunto con Costa del Sol, Lanzarote, Almería e Santander
20/09/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López anunciou hoxe en conferencia de prensa que a institución provincial está a participar en Almería ata este sábado na primeira reunión técnica para avanzar no proxecto “Praias sen límite. Experiencias turísticas atemporais para reducir a estacionalidade”. Segundo adiantou o presidente, tralo encontro desta semana en Almería, a provincia de Pontevedra acollerá a segunda xuntanza técnica do proxecto, no que a Deputación está a participar ata finais de 2025 xunto con Costa del Sol, Lanzarote, Santander e Almería.
“Praias sen límite” trátase dun proxecto cofinanciado polo Ministerio de Industria e Turismo que ten como obxectivos aumentar e mellorar as experiencias turísticas no segmento de sol e praia, poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dos territorios e as súas poboacións e impulsar a súa promoción internacional e desestacionalización do turismo. En concreto, a Deputación está a coordinar a análise e execución de espazos para apostar por un turismo familiar para desfrutar das praias coas mascotas e o desenvolvemento de rutas de sendeirismo costeiras que exploren a beleza natural da costa, promovendo o turismo activo e fomentando contornas singulares.
Ademais, o presidente da Deputación tamén adiantou que a institución provincial estará presente o vindeiro mes de outubro na IV Convención Anual de Turespaña, que terá lugar en Arona, Tenerife. No encontro, a deputada de Turismo, Nava Castro, participará nunha mesa redonda na que exporá a experiencia da institución provincial xestionando a provincia como Destino Turístico Intelixente. “Non só consolidamos o destino Rías Baixas como referencia en España, non só batemos os récords a nivel de datos- asegurou o presidente provincial-, senón que somos tamén unha referencia a nivel de xestión turística e moitos territorios de España teñen en nós un modelo de políticas turísticas sustentables, modernas e exitosas para os 365 días do ano”.