A Deputación pon en valor o circuíto +Escénicas, que cun sobresaínte nivel de satisfacción dos concellos, dun 9,5 sobre 10, activa as engrenaxes da súa segunda edición
Nunha xuntanza no Pazo provincial con responsables de Cultura dos concellos, o deputado provincial anunciou que a apertura do prazo de solicitude de espectáculos por parte dos concellos está prevista para marzo e a programación desenvolverase entre abril e marzo do 2026
08/02/2025
A Deputación de Pontevedra, encabezada polo deputado Jorge Cubela, acaba de reunirse con responsables de Cultura dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, para analizar a evolución do circuíto +Escénicas e avanzar a posta en marcha da súa edición do programa. Na xuntanza, Cubela puxo en valor o elevadísimo nivel de satisfacción dos concellos, dun 9,5 sobre 10, e anunciou que están xa activas as engrenaxes da segunda edición do programa, estando prevista a apertura do prazo de solicitude de espectáculos por parte dos concellos para marzo e o desenvolvemento da programación entre abril e marzo do próximo ano. Ademais, na segunda quincena de febreiro abrirase o prazo para a inscrición e modificación de espectáculos por parte das compañías.
A piques de rematar a primeira edición do circuíto +Escénicas, Jorge Cubela amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento deste programa dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes. “Síntome moi orgulloso porque grazas a esta iniciativa os concellos pequenos, e eu son alcalde dun deles, por fin poden gozar de espectáculos de teatro e danza de calidade”, remarcou o deputado ao referirse aos case 300 espectáculos programados en 49 concellos da provincia a través deste novo circuíto cultural cuxa primeira edición rematará o próximo mes de marzo.
Na xuntanza cos responsables de Cultura dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, o deputado provincial aproveitou a ocasión para intercambiar opinións, acoller as súas demandas e resolver dúbidas para poder atender de cara ás seguintes edicións de +Escénicas. Tamén fixo un recoñecemento ao servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra a través do cal se está a promover este primeiro circuíto profesional de artes escénicas na provincia que naceu, no 2024, con vocación de permanencia.