Luis López destaca o impulso da Deputación ao automobilismo da provincia co éxito de participación no programa +Talento Motor para a formación de pilotos

O presidente provincial participou este venres na presentación do Campionato Galego de Rallys, do que forma parte o Rally de Pontevedra que se disputa esta fin de semana na provincia e no que debutará Yago Martínez Diz cun coche patrocinado pola Deputación

31/05/2024

Presentación do Campionato Galego de Rallys

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o impulso dado pola Deputación ao automobilismo na provincia a través dunha iniciativa pioneira e novidosa como o +Talento Motor, un programa deseñado polo goberno provincial para formar e proxectar a novos pilotos e que lles brinda a oportunidade de participar nas probas do Campionato Galego de Rallys ao volante dun coche da patrocinado pola Deputación. Fíxoo en Sanxenxo, no acto de presentación deste campionato composto por cinco probas e que comeza esta fin de semana na capital turística das Rías Baixas coa disputa do Rally de Pontevedra.

“Dentro do compromiso co deporte, o automobilismo ocupa un lugar destacado, porque somos unha provincia cunha cultura do motor moi arraigada, temos unha ampla nómina de escudarías e pilotos e porque cada ano, as cunetas das nosas estradas énchense de afeccionados que vibran cos rallys e, ao mesmo tempo, desfrutan dos nosos espazos naturais”, explicou Luis López as razóns polas que a Deputación aposta polo automobilismo.

Un compromiso que se traduce, ademais do apoio á Federación e ás escudarías, no programa +Talento motor. Unha “academia” de pilotos celebrada a pasada semana no circuíto da Madalena, en Forcarei, que superou todas as expectativas de participación. Un total de 35 pilotos de 18 a 24 anos participaron nunha xornada de formación teórica e práctica sobre o automobilismo e nunha competición da que saíu gañador Yago Martínez Diz, que debutará neste rally de Pontevedra e participará nos outros catro rallys que compoñen o campionato galego grazas ao premio concedido pola Deputación, que pon un coche a súa disposición e asume todos os gastos derivados da competición.

Neste sentido, o presidente, que estivo acompañado polo deputado Marcos Guisasola, puxo en valor o labor realizado pola Federación Galega de Automobilismo e as escudarías da provincia para seguir promovendo un deporte é referencia de organización, seguridade e un elevado nivel seguimento e participación. Motivos polos que, asegurou, a Deputación seguirá apoiando o sector automobilístico da provincia.

Galerias de imaxes