A Deputación completa no circuíto da Madalena de Forcarei o proceso de formación e selección do novo programa provincial “+Talento Motor”
Participaron no novo programa provincial 35 mozos entre os que Yago Martínez Diz (21 anos, Salvaterra de Miño) venceu as probas que o levarán a pilotar o coche patrocinado pola Deputación nas cinco citas que compoñen o Campionato Galego de Rallys
26/05/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu esta mañá no circuíto da Madalena de Forcarei ao proceso de formación e selección do novo programa provincial “+Talento Motor”. Nesta iniciativa participaron un total de 35 mozos entre os que Yago Martínez Diz (21 anos, Salvaterra de Miño) venceu as probas que o levarán a pilotar o coche patrocinado pola Deputación nas cinco citas que compoñen o Campionato Galego de Rallys.
“O automobilismo é unha das disciplinas deportivas con máis tirón na provincia, así que síntome moi satisfeita de que a Deputación dese, por vez primeira e con “+Talento Motor”, resposta a unha demanda popular que resultou, ademais, ser un éxito rotundo”, asegurou Luisa Sánchez. Neste eido, a vicepresidenta remarcou a boa acollida desta primeira edición do programa, á que se presentaron 35 mozos, superando as 30 prazas previstas, e todos eles con idades comprendidas entre os 18 e 24 anos, empadroados na provincia de Pontevedra e sen licenza federativa.
Os 35 mozos participantes en “+Talento Motor” foron Adrián Domínguez, Iago García, Francisco Ferreira, Damián Mateo Aval, Ethan Gabriel Piñeiro, Manuel Baqueiro, Pedro Mora, Alejandro Groba, Yago Martínez, Íker González, Andrés Pujales, Alexandre Ferreiro, Christian Domínguez, Pablo Aguiar, David Rodríguez, Juan Carlos Sánchez, Eliot Gómez, Manuel Alonso, Damián Lorenzo, Brais Ruiz, Abel Ricoy, Íker Arca, Damián Figueirido, Ángel Rodríguez, Danessi Fernández, Rubén Crespo, Javier Casellas, Aarón Taboada, Nicolás Santiso, Pablo Lorenzo, José Luis Gómez, Diego da Rocha, Julián Álvarez, Miguel Veiro e Adrián Leyenda. Todos eles déronse cita no Circuíto da Madalena de Forcarei nunha xornada que abrangueu un brifing téorico e un proceso de selección en formato de eliminatorias, con dúas series, unha crono e a fase final na que Martínez Diz venceu.
“+Talento Motor”, impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo e a escudaría AMF Motorsport, pretende contribuír a promocionar a modalidade dos rallys entre os pilotos máis novos da provincia, para que poidan competir nos campionatos galegos desta disciplina. Deste xeito, a partir de agora, a Deputación de Pontevedra encargarse de financiar o curso de competición para Martínez Diz, así como a súa inscrición para participar na Sandero Eco Cup Galicia e nas cinco probas puntuables do certame en Galicia.