Luis López felicita ao piloto Yago Martínez por gañar a Dacia Sandero Eco Cup tras obter unha beca da Deputación a través do programa +Talento Motor

O presidente provincial, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez, recibe no Pazo provincial ao prometedor piloto de Salvaterra pola súa vitoria nesta categoría do campionato galego de rallys ao volante dun coche patrocinado pola Deputación

04/11/2024

Luis López con Yago Martínez Diz

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este luns no seu despacho do Pazo provincial ao gañador da primeira edición do programa de formación de pilotos de rally +Talento Motor impulsado este ano pola Deputación, Yago Martínez Diz, de 21 anos e natural de Salvaterra, despois do seu éxito no campionato galego de rallys, do que se proclamou gañador da categoría Dacia Sandero Eco Cup.

Acompañado pola vicepresidenta e responsable da área de Deportes do goberno da Deputación, Luisa Sánchez, o mandatario provincial deu os parabéns ao deportista pola súa extraordinaria actuación nas cinco probas que compoñen o campionato galego de rallys, no que participou por primeira vez ao volante dun Dacia Sandero ecolóxico pertencente á escudaría AMF Motorsport e patrocinado pola Deputación. Ademais de ser o gañador na súa categoría, Martínez Diz destacou tamén no ránking xeral ao rematar a competición, na que se inscribiron máis de 500 participantes, nun meritorio posto 62.

A primeira edición do +Talento Motor, un programa pioneiro da Deputación para formar novos pilotos e apoiar unha disciplina tan arraigada na provincia como son os rallys, resultou un completo éxito, tanto de participación como de resultados. Nesta academia formáronse 35 prometedores pilotos da provincia con idades comprendidas entre os 18 e 24 anos que aínda non tiveran oportunidade de debutar nunha competición oficial. A convocatoria superou todas as expectativas e a Deputación acordou ampliar as prazas iniciais para atender toda a demanda. De entre todos os participantes, sobresaíu Yago Martínez Diz, que foi o mellor piloto nas probas de selección para representar á provincia no campionato galego de rallys. Unha oportunidade que aproveitou para conseguir a primeira vitoria da súa carreira baixo o patrocinio da Deputación provincial.

Neste sentido, Luis López fixo fincapé no apoio que o goberno provincial está brindando ao deporte da provincia, tanto en colaboración directa cos deportistas, clubs e federacións; como na organización de eventos deportivas de todas as disciplinas e repartidos por toda a provincia. “Somos a provincia do deporte”, concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.