A Deputación e a Universidade de Vigo entréganlles os Premios GirlGeekPower aos mellores currículos académicos de alumnas de ciencias e enxeñarías
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, entregáronlles os galardóns a Antía Álvarez Pazó, Iria Ollero Cadilla, Verónica Laíño Rodríguez e Julia Escribano Chamarro
21/03/2024
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo acaban de entregarlles os Premios GirlGeekPower aos mellores currículos académicos de alumnas de ciencias e enxeñarías. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, entregáronlles os galardóns “ás merecidísimas gañadoras desta edición”: Antía Álvarez Picó e Iria Ollero Cadillo na rama de Enxeñaría e Arquitectura, e Verónica Laíño Rodríguez e Julia Escribano Chamarro na rama de Ciencias e Ciencias da Saúde.
Os Premios GirlGeekPower enmárcanse na Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación e da Universidade de Vigo e xurdiron para visibilizar e recoñecer a excelencia dos currículos académicos das mulleres nas ramas STEAM, nas que elas son a porcentaxe minoritaria do alumnado. Neste eido, Sandra Bastos enxalzou a traxectoria das mozas gañadoras asegurando que “sodes un grande exemplo para todas, sobre todo para as nosas xeracións. Demostrastes que as vocacións e os soños profesionais non teñen nada que ver co sexo ou xénero e que as mulleres estamos altamente capacitadas para acadar todo o que nos propoñamos”.
Para poder optar aos Premios GirlGeekPower era preciso estar matriculadas na Universidade de Vigo en titulacións de grao ou máster das ramas de Enxeñería e Arquitectura, Ciencias e Ciencias da Saúde dos campus de Pontevedra e Vigo. Ademais, as alumnas debían ter unha nota media do expediente igual ou superior a 7 nas titulacións de Enxeñaría e Arquitectura, e 8 nas titulacións da rama de Ciencias ou de Ciencias da Saúde. Xunto coa acreditación do anterior, as mozas debían achegar unha carta de motivación na que se detallasen as razóns que as levaron a realizar estudos universitarios no ámbito das STEAM e que reflexionasen sobre a súa experiencia como mulleres nun eido tradicionalmente masculinizado.